Ao abeiro do convenio de colaboración entre o Igape e a Fundación Incyde, o próximo martes, 5 de xuño, comeza o desenvolvemento dun curso para promover a creación e crecemento de novas empresas na comarca do Condado
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Incyde), impulsa a partir da próxima semana unha nova iniciativa de formación e asesoramento para facilitar a creación ou consolidación de novos negocios por autónomos ou emprendedores da comarca do Condado.
Os emprendedores interesados nesta nova acción de formación e asesoramento, que se desenvolverá ao longo de sete semanas e que inclúe titorías adecuadas ás necesidades dos proxectos para facilitar a consolidación de novas iniciativas empresariais, deben inscribirse a través da web da Fundación Incyde.
O novo curso de formación e asesoramento, cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE), comezará o próximo martes, día 5 de xuño, na Área Computers (c/Salvaterra, 27) e ten entre os seus obxectivos os de facilitar asesoramento personalizado para facilitar o autoemprego e a consolidación de empresas.
Ao amparo deste programa de colaboración coa fundación Incyde vai comezar o desenvolvemento doutros cursos de formación e asesoramento para a creación e consolidación de empresas en Monforte de Lemos, o luns 4 de xuño, e en Bande (Ourense) e Lugo, o próximo 11 de xuño.
Mediante esta iniciativa prevese facilitar, durante este ano, formación e asesoramento a máis de 250 autónomos, emprendedores e empresarios, preferentemente nas diferentes comarcas afectadas polos incendios rexistrados en Galicia durante o ano pasado. En Beade e Ponteareas xa se desenvolveron os dous primeiros cursos, que remataron o pasado mes de abril e nos que participaron máis de medio cento de emprendedores e autónomos.
A iniciativa pretende acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas polos autónomos e emprendedores, facilitando a súa posta en marcha ou a súa consolidación nas primeiras fases de funcionamento.
Coa formación nos eidos do emprendemento e o autoemprego, facilitaráselle aos participantes unha visión global das distintas áreas funcionais dun negocio e os alumnos poderán determinar oportunidades de mercado e desenvolvemento do plan de empresa, sempre coa axuda de ferramentas de xestión para favorecer a súa posta en marcha ou consolidación.
Como continuación das accións formativas que comezan en Ponteareas o próximo martes, os participantes, especialmente a través do Igape, poderán seguir accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como ás axudas do programa Galicia Emprende, ou a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.
- Te recomendamos -