O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver a primeira convocatoria do programa Galicia Emprende e xa ten outra en marcha para favorecer o emprendemento
A Xunta de Galicia vén de resolver unha nova convocatoria do programa de apoios para emprendedores Galicia Emprende, destinando á provincia de Lugo máis de 250.000 euros para a implantación de dous talleres mecánicos, en Lugo e Friol, e dúas clínicas de odontoloxía, unha tamén na capital e a outra no Saviñao. Ao mesmo tempo, está tramitando as solicitudes da segunda orde de axudas publicada -o pasado mes de xuño-, e á que se presentaron unha decena de emprendedores en Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca periodicamente esta orde de axudas “para fomentar a implantación de pequenas e medianas empresas, que son determinantes no tecido produtivo en Galicia e polo tanto na creación de emprego”.
En conxunto, explicou, durante o pasado ano este programa propiciou a creación de 11 pemes en Lugo, que sumaron achegas por importe de 570.000 euros e alcanzaron un investimento apoiado global de 1,6 millóns de euros.
En concreto, botaron a andar cinco empresas en Lugo, tres en Chantada e unha en Monforte de Lemos, Castro de Rei e Vilalba respectivamente. Polo que respecta ás actividades que realizan, figuran catro comercios, un centro de ocio, unha industria cárnica e outra de papel, un centro de adestramento canino, unha clínica dental, unha empresa de servizos agrícolas e outra de base tecnolóxica.
O obxectivo destas axudas que xestiona o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) é apoiar aos emprendedores como axentes dinamizadores da economía, para que poidan actuar como catalizadores do repunte da actividade económica.
Os interesados poden presentar un custo subvencionable igual ou superior a 25.000 euros e non superior a 500.000, para gastos ou investimentos que deben estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.
Os custos subvencionables poden ser de obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, adquisición de maquinaria, equipos informáticos, mobiliario, elementos de transporte interior ou equipamento de protección, e outros investimentos tales como gastos de investigación e desenvolvemento ou adquisición de dereitos de patentes ou licenzas.
- Te recomendamos -