Inicio Galicia A Xunta impulsa a implantación da industria 4.0 mediante 21 cursos de...

A Xunta impulsa a implantación da industria 4.0 mediante 21 cursos de dixitalización nos que participan 300 empresas

0

O programa facilita a xeración de proxectos que aportan solucións tecnolóxicas e formas de colaboración para a implementación de ferramentas dixitais

Máis de 300 empresas participan nas dúas convocatorias dos cursos formativos en amteria de dixitalización que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, puxo en marcha este ano. Mediante 21 iniciativas organizadas por clústeres e colectivos empresarias dos diferentes sectores produtivos, a Xunta activa novos espazos de colaboración e formación para a xeración de proxectos en materia dixital nas pemes galegas.

O obxectivo deste programa é apoiar a posta en marcha de sistemas informáticos nos catro ámbitos que teñen máis potencial para aportar valor ás empresas: os proxectos colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa, os proxectos individuais de conectividade interempresarial, de conectividade intraempresarial e de intelixencia artificial.

Estes cursos formativos abranguen distintos sectores produtivos e abordarán aspectos como a transformación dixital da automoción galega, o mercado tecnolóxico das comunicacións dixitais, a aplicación da tecnoloxía 4.0 aos viñedos e ao aprovisionamento e expedición dos produtos pesqueiros, a construción e reparación do naval 4.0, e a visibilidade dos produtos tecnolóxicos innovadores para a dixitalización industrial.

Ao mesmo tempo, a Conselleira de Economía, Emprego e Industria mantén ata o 21 de setembro aberto o prazo para a presentación de solicitudes ás axudas á dixitalización, unha liña de apoio activada tamén este ano ao abeiro da Axenda Industria 4.0 e que conta con financiamento a través Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Así, a Xunta destina este ano cinco millóns de euros a impulsar iniciativas que xeran proxectos colectivos de dixitalización e que reforzan a aposta por un modelo de peme 4.0, dixital, innovadora e exportadora, mediante os investimentos e a especialización en aspectos como o big data, a interconexión entre empresas, a aprendizaxe automática ou a dixitalización de procesos de traballo. 


- Te recomendamos -