Inicio Galicia A Xunta habilita axudas directas para os afectados polo sinistro de Tui...

A Xunta habilita axudas directas para os afectados polo sinistro de Tui para paliar o antes posible os danos sufridos por mor da explosión

0

O Consello da Xunta aprobará este mesmo xoves o Decreto de axudas directas co fin de que os afectados poidan recuperar a normalidade


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, indicaron hoxe que o Goberno galego habilitará de maneira inmediata as axudas directas aos afectados polo sinistro acontecido en Tui, coa premisa de simplificar e axilizar ao máximo o acceso a estas axudas, dentro do legalmente permitido, e facilitarlles que poidan obtelas canto antes.

Alfonso Rueda e Ethel Vázquez acudiron ao Punto de atención a afectados pola explosión da pirotecnia, onde indicaron que este mesmo xoves o Consello da Xunta aprobará o decreto de axudas directas aos afectados sendo necesario articular entre todas as Administracións implicadas un sistema de axudas que palien os danos causados pola explosión da pasada semana. Na Oficina de Atención aos Afectados, na que xa están traballando traballadores sociais e técnicos de urbanismo, incorporouse hoxe tamén persoal do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

A Xunta vai activar de xeito inmediato axudas directas para a construción de vivendas para aquelas que quedaran completamente destruídas, que roldarán os 110.000 euros no caso de casas habituais, e os 44.000 euros para ocasionais. A estas subvencións sumaráselles un 15% máis para afrontar os gastos de reposición do enxoval doméstico, no caso das vivendas habituais. Sinalou que estas axudas se poderán destinar á compra doutra vivenda se é o que os seus propietarios o desexan.

Tamén se activarán subvencións directas para rehabilitar as vivendas, xa sexan reparacións de maior ou menor entidade. Neste caso, os afectados contarán co ingreso, simplemente presentando unha documentación mínima. Ademais, disporán de achegas para a reposición de enxoval doméstico, por importe de ata 3.000 euros.

A maiores se habilitará unha orde de axudas ao alugueiro, para custear o aloxamento provisional daquelas familias que o necesitan, con 450 €/mes, durante un prazo de 2 anos e 600 € adicionais para facer fronte aos gastos de alta do alugueiro, subministros e fianza.

Salientou como novidade o financiamento tamén da mobilidade temporal dos afectados que quedaran sen vehículo como consecuencia da explosión.


- Te recomendamos -