O Goberno galego traslada que adoptará as medidas oportunas para procurar a preservación da carballeira existente
A Xunta garantiu hoxe aos representantes da Asociación veciñal Vigo Novo que a ampliación de San Paio de Navia creará un espazo residencial sostible e de calidade, que achegará valor engadido ao barrio existente sen alterar o seu actual deseño.
Deste xeito se expresaron o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, na reunión mantida hoxe na delegación da Xunta en Vigo, na que trataron sobre a modificación do plan parcial de San Paio de Navia e as alegacións que os integrantes de dito colectivo están presentando respecto do mesmo.
A xuntanza mantida coa asociación serviu para coñecer de forma directa as alegacións veciñais, dado que o Concello de Vigo aínda non remitiu para o seu estudo e contestación as alegacións presentadas á modificación do plan parcial. Deste xeito, a Xunta puido tratar algunhas das alegacións presentadas e aclarar os diferentes aspectos da modificación do plan parcial que preocupan aos integrantes deste colectivo.
No referido á conservación da carballeira existente no ámbito da ampliación, a Xunta trasladou aos representantes veciñais que o Goberno galego adoptará as medidas oportunas para procurar a preservación da carballeira existente.
Explicaron aos dirixentes veciñais que algunhas das cuestións incluídas nas alegacións non se poden resolver a través da modificación do plan parcial de San Paio de Navia por ser alleas ao mesmo ou estar fóra do seu ámbito. Entre estas cuestións están as referidas a VG-20 ou á dotación dun novo instituto para o barrio.
Tamén se explicou que a Xunta non vai transformar en aparcamentos ningunha zona verde da fase xa urbanizada, e que a modificación do plan parcial unicamente contempla a posibilidade futura de incrementar as prazas de aparcamento si fose necesario.
Os representantes da administración deixaron tamén ben claro que as obras de urbanización da ampliación unicamente se realizarán nos terreos adquiridos pola Xunta e non afectarán ás zonas xa urbanizadas, excepto no referido ás conexións dos novos viais cos xa existentes.
Na reunión tamén se trataron outros aspecto, como as alturas do inmobles, que van en descenso conforme se aparta das zonas xa urbanizadas, para facer unha transición suave co entorno periurbano de San Paio de Navia.
Lembraron finalmente que a ampliación prevista en San Paio de Navia é unha actuación integral que, ademais de posibilitar a construción de case 1.600 vivendas protexidas, tamén permitirá mellorar os accesos e aumentar os servizos públicos.
- Te recomendamos -