A Xunta, a través de Aldeas Infantiles SOS, atendeu, no primeiro semestre do ano a 52 nenos e nenas a través do programa de acollemento de nenos e nenas por membros da súa propia familia
A Coruña, 18 de setembro de 2018.- O delegado territorial da Xunta de Galicia, visitou esta mañá, as instalacións de Aldeas Infantiles SOS, unha organización benéfica de axuda á infancia que conta cun convenio con Consellería de Política Social de apoio ao Acollemento en Familia Extensa.
Este programa conta cun investimento por parte da Xunta de Galicia de 192.000 euros e por parte de Aldeas Infantiles SOS de 147.000 euros.
Dende o inicio desta colaboración no ano 2013 o orzamento incrementouse máis de 540%, pasando dos 30.000 iniciais aos 192.000 actuais.
Ovidio Rodeiro agradeceu o traballo que realiza esta entidade en colaboración coa Xunta de Galicia, e sinalou que “se trata dun recurso de apoio ao acollemento familiar de menores por membros da súa propia familia”.
Segundo explicou o representante do goberno autonómico a través deste programa o número de menores atendidos na provincia da Coruña, no primeiro semestre do ano, foi de 52 rapaces e rapazas e en toda Galicia de 108. O número de familias atendidas na provincia de A Coruña, nos primeiros seis meses do ano, foi de 57 e en toda Galicia foi de 115.
Ovidio Rodeiro apuntou que este programa permite que os familiares se fagan cargo, temporalmente, dos nenos e nenas cando se ve impedida a convivencia cos seus pais por diferentes causas.
No noso país a práctica deste tipo de acollementos é maioritaria, aproximadamente, na actualidade o 85% dos acollementos que se dan realízanse en familia extensa.
Os datos obtidos nestes anos de traballo reflicten por un lado unha realidade tanxible de problemas nos acollementos con familia extensa, e por outra parte avalan a utilidade que reporta o programa en canto á diminución do estrés familiar e a súa clara repercusión no benestar do nenos e nenas acollidos.
O delegado territorial explicou que “o acollemento en familia extensa como recurso de protección á infancia supón unha realidade complexa polo armazón nas relacións dos intervenientes: acolledores, proxenitores, menores acollidos, profesionais dos diferentes servizos e as múltiples áreas que tanto na vida do neno como na dos seus acolledores ven afectadas”,Neste senso, apuntou que “a formación, seguimento e intervención que se proporciona á familia extensa é menos exhaustiva que en familia allea. Con todo, estas familias necesitan tantos apoios, recursos e intervencións como calquera outra familia acolledora, debido a que a súa función básica é a de proporcionar seguridade, afianzar o benestar, cubrir as necesidades que poidan xurdir e manexar os contactos e a vinculación cos proxenitores”.
Aldeas Infantiles SOS é unha organización internacional, privada, de axuda á infancia, sen ánimo de lucro, interconfesional, fundada en 1949 en Imst (Austria) e con presenza en 135 países.
Aldeas Infantiles SOS é membro da UNESCO e asesor do Consello Económico e Social da ONU. O seu obxectivo é protexer aos nenos que se viron privados do coidado parental, e brindarlles unha contorna familiar protectora no que poidan crecer sentíndose queridos e respectados.
- Te recomendamos -