A Consellería de Cultura e Educación investirá máis de 4 millóns de euros neste edificio, que terá espazo para 450 alumnos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria avanzou que publicará mañá no Diario Oficial de Galicia a formalización do contrato de redacción do proxecto básico e de execución da construción dun novo edificio para o CEIP Sagrado Corazón (Lugo).
Así o avanzou o delegado territorial, José Manuel Balseiro, nun encontro que mantivo esta mañá con representantes da asociación de nais e pais do alumando e coa dirección do centro. Tamén explicou que o importe de adxudicación do proxecto ascende a 50.178,70 euros, aínda que o departamento educativo da Xunta de Galicia ten previsto investir máis de 4 millóns de euros na construción, en dúas fases, deste centro. As obras estarán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Deste xeito dáse resposta ás necesidades de escolarización deste municipio, ademais da necesidade de mudar de emprazamento do centro, toda vez que agora está situado nun edificio de Abanca a través dun convenio cuxa vixencia remata en 2018. En calquera caso, a Consellería está a negociar unha prórroga a este convenio ata a finalización da construción dun novo colexio.
Espazo para 450 alumnosO novo CEIP Sagrado Corazón será de liña 2 (18 unidades, 450 alumnos) e dará servizo ao alumnado do barrio Sagrado Corazón e o seu contorno, asumindo a zona de influencia do CEIP existente e, ademais, aos futuros escolares residentes nas novas vivendas que xurdirán como consecuencia do desenvolvemento dos novos polígonos de uso residencial previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así, contémplase a construción de 6 aulas de educación infantil con aseos incorporados cada dúas aulas, 12 aulas de educación primaria, ademais de 4 aulas de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música, aula de informática, biblioteca e ximnasio. Ademais disponse zona de administración e servizos comúns, así como un comedor con office para catering. Na segunda fase executaranse os equipamentos deportivos, cunha pista polideportiva cuberta de estrutura lixeira facilmente desmontable, pista descuberta, patios e espazos libres. En total estímase necesaria unha construción de en torno a 3.000 m² de superficie construída.
Segundo se recolle no convenio co Concello de Lugo, a Consellería elaborará, no seu caso, supervisará e aprobará o proxecto básico e de execución para a obra de construción do CEIP en dúas fases, fase I de construción do edificio principal do novo CEIP, e fase II para equipamento deportivo, así como patios e espazos libres.
- Te recomendamos -