A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou hoxe este curso deseñado para aportar pautas e ferramentas aos traballadores da Administración autonómica
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou hoxe no Centro Coordinador de Información Xuvenil de Santiago o curso Prevención ao acoso á mocidade na internet. O ciberacoso (ciberbullying), deseñado para aportar pautas e ferramentas de prevención do acoso por Internet aos técnicos/as da Xunta de Galicia que traballan co colectivo xuvenil.
Esta acción formativa, que organiza o departamento autonómico en colaboración coa Escola Galega da Administración Pública, centra os seus contidos en como identificar o acoso por Internet, como previlo e como traballar cos mozos e mozas nesta prevención. Cecilia Vázquez sinalou a máxima preocupación do Goberno galego polo aumento día tras día dos casos de ciberacoso á mocidade no ámbito escolar, na rúa e sobre todo por internet, por iso animou aos asistentes a sacarlle o máximo rendemento a este curso de tres días de duración no que participarán 25 técnicos da Xunta. O interese da Dirección Xeral de Xuventude por impulsar unha internet segura xa lle levou a abordar en febreiro este problema nunha xuntanza en Gandarío cos máis de 200 alumnos/as que actúan como Correspondentes Xuvenís da Xunta nos centros escolares para introducilos como mediadores nos seus ámbitos educativos. A xornada desenvolveuse por profesionais da Universidade de Santiago e do equipo Quérote+.
Ademais, o pasado mes de abril tivo lugar unha mesa redonda sobre como formar e educar no novo contexto dixital na que participaron máis de 100 profesionais.
- Te recomendamos -