O obxectivo desta actuación é que adquiran as competencias necesarias para poder desenvolver unha profesión con demanda e facilitar a súa inserción laboral
Un grupo de 15 participantes na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, impulsada pola Consellería de Política Social e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, prepáranse estes días no concello pontevedrés de Vilagarcía para poder exercer como auxiliares de carnicería e chacinería.
O curso, que se imparte desde o pasado 29 de outubro entre o Auditorio Municipal de Vilagarcía e o local de Cáritas (dotado de cociña), terá unha duración total, entre clases teóricas e prácticas, de 100 horas. Precisamente neste momento, e ata o próximo 20 de decembro, os alumnos están realizando prácticas profesionais non laborais en varios supermercados da zona, gracias aos convenios que esas empresas asinaron para tal fin coa Administración galega.
Os módulos do curso xiran en torno á adquisición das competencias profesionais necesarias en canto aos cortes básicos de carnicería e chacinería, prevención de riscos laborais, hixiene alimentaria e manipulación de alimentos e materias primas. Esta formación está organizada polo equipo comarcal de inclusión sociolaboral e se inclúe nos itinerarios personalizados deseñados para os participantes na Estratexia de Inclusión Social da Xunta de Galicia.
O obxectivo principal desta actuación é que as persoas que acoden aos cursos adquiran os coñecementos necesarios sobre unha ocupación actualmente demandada polo mercado de traballo, de tal xeito que estean capacitados para poder desenvolver esa profesión e sexa máis doada a súa inserción laboral.
A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, conta na actualidade con 18 oficinas comarcais de inclusión sociolaboral distribuídas por toda Galicia, ás que se suma un equipo que opera no módulo 1 do centro penitenciario de Teixeiro, con internos que están a piques de obter a liberdade, no marco do Programa Nelson Mandela.
- Te recomendamos -