As 100 prazas convocadas están destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos pertencentes a asociacións xuvenís
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado abre o prazo de inscrición para a Mostra e Encontro da Xuventude Emprendedora Galicia-Norte de Portugal (MEXE). Esta iniciativa terá lugar na Casa das Artes da localidade portuguesa de Arcos de Valdevez do 23 ao 25 de novembro. A inscrición pódese realizar ata o 19 de novembro no portal web de Xuventude. O encontro, que discorre no marco do proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (Lidera), ten por obxectivo crear un espazo de reflexión sobre a empregabilidade xuvenil e aberto ao asociacionismo. Tamén procura enxalzar a importancia da participación das persoas mozas na sociedade, na cooperación transfronteiriza e no desenvolvemento das rexións europeas. Ademais, celebraranse debates, conferencias, clases maxistrais, teatro e visitas pedagóxicas, entre outras actividades. Preténdese que esta iniciativa sexa un espazo de aprendizaxe, que achegue información sobre emprego e emprendemento, animación, cultura e lecer e que poida constituír un marco cualitativo no asociacionismo xuvenil.
O número de prazas convocadas é de 100. A elas poderán optar os mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que sexan membros de asociacións xuvenís ou de grupos informais, con un máximo de 4 prazas por asociación ou grupo informal. A participación nesta actividade é gratuíta, será a organización a que cubra os gastos de aloxamento e manutención dos mozos participantes. Ademais, porá a disposición un servizo de transporte que unirá Galicia con Arcos de Valdevez.
- Te recomendamos -