Inicio Galicia A Xunta fomenta o emprendemento da mocidade no eido da produción ecolóxica...

A Xunta fomenta o emprendemento da mocidade no eido da produción ecolóxica cun encontro no Espazo Xove de Lalín

0

A xente nova que asistiu tivo a ocasión de coñecer diferentes iniciativas neste sector de actividade por boca dos seus impulsores

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe nun encontro sectorial sobre emprendemento sostible que se celebrou no Espazo Xove de Lalín. Un grupo de mozos e mozas deste municipio pontevedrés asistiron a esta actividade e tiveron a oportunidade de coñecer diferentes iniciativas no eido da produción ecolóxica por boca dos seus impulsores.

O encontro centrouse fundamentalmente en tres temáticas: o emprendemento e a saúde a través da produción ecolóxica, como mellora a calidade de vida o consumo destes produtos, e a formación en produción e consumo sostibles como investimento en benestar. Ademais, o evento permitiu ás persoas asistentes establecer unha dinámica de diálogo e coñecemento mutuo que pode propiciar a aparición de novas oportunidades e ideas neste sector de actividade que está adquirindo unha maior importancia tanto social como económica.

Nesta liña, Cecilia Vázquez explicou que este acto sectorial “tivo como obxectivo achegar á mocidade galega á produción e alimentación ecolóxica como novas opcións de xeración de emprego e riqueza, especialmente no medio rural”. Así mesmo, subliñou que permitiu á xente nova de Lalín e das localidades próximas “afondar no coñecemento dos métodos e formas de produción ecolóxica como motor de desenvolvemento sostible, reducindo os custes ambientais”.

Leer más:  En Galicia, la calidad del aire ha mejorado, con la mayoría de estaciones en situación favorable o regular, excepto en las zonas de Vigo

A directora xeral de Xuventude tamén manifestou que este tipo de iniciativas que a Xunta esta a levar a cabo en toda a Comunidade Autónoma “promoven a conexión e a integración da mocidade na realidade económica e social do territorio no que viven, ampliando o seu coñecemento da contorna na que se desenvolven e, ao mesmo tempo, impulsando o seu achegamento ao tecido empresarial da zona”. “Trátase de ofrecer un espazo para que os mozos e mozas adquiran coñecementos que lles axuden ao seu desenvolvemento persoal e profesional”, engadiu.

Estes encontros sectoriais enmárcanse no proxecto europeo Lidera 2014-2020 para España e Portugal, e dentro deste correspóndese coa fase de implantación denominada Crece. Esta fase ten como obxectivo propiciar un traballo en rede no que se involucren os distintos axentes do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local. De feito, o Espazo Xove de Lalín conta ao abeiro deste programa cun Espazo Emprende para que os mozos e mozas impulsen as súas propostas de emprendemento a través do coworking. Nestas instalacións, as persoas usuarias dispoñen tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas.

Leer más:  Feijóo se siente tranquilo ante la comisión de investigación gallega sobre varios contratos de la Xunta

Os próximos encontros sectoriais celebraranse na primeira semana do mes de novembro e as temáticas serán as seguintes: marketing persoal para persoas emprendedoras no Espazo Xove de Tui, o martes 6 de novembro; mindfulness para emprender no Espazo Xove de Viveiro, o mércores 7 de novembro; e Xuventude con vocación emprendedora na oficina transfronteiriza de información xuvenil da Eurocidade Chaves-Verín, o xoves 8 de novembro.

O proxecto Lidera ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros cofinanciados nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e ten unha duración de catro anos. Ademais da Xunta de Galicia, son socios da iniciativa a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude, a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas e a Comunidade Intermunicipal do Ave.


- Te recomendamos -