Inicio Galicia A Xunta financia o ensanche e mellora dos accesos ao polígono de...

A Xunta financia o ensanche e mellora dos accesos ao polígono de Monterroso cun investimento de 120.000 euros

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinalou a aposta do Goberno galego pola modernización das infraestruturas para “facer máis competitivas ás nosas empresas”


A Xunta de Galicia financia con 120.000 euros o ensanche e mellora dos accesos ao polígono empresarial de Monterroso dende a estrada N-640 e dende o núcleo de Seteiglesias, obras que están actualmente en execución. A Consellería de Economía, Emprego e Industria achega ao concello o 80 por cento do custo desta actuación ao abeiro do programa de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o polígono xunto co alcalde, Miguel Rico, para coñecer o avance dos traballos. O delegado subliñou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta pola modernización das infraestruturas dos parques para “facer máis competitivas ás nosas empresas, que poden deste xeito beneficiarse da mellora dos servizos comúns das áreas industriais”.

No caso do parque empresarial de Monterroso, a actuación suporá unha mellora notable nas condicións de acceso, especialmente para o tráfico pesado, ao ensanchar a entrada dende a N-640 ata os 13,50 metros de anchura e mellorar tamén a confluencia coa vía cara a Seteiglesias, desprazándoa uns 12 metros da actual ubicación.

Entre outros traballos, será preciso demoler as aletas de formigón do actual paso inferior que conecta con Seteiglesias para reconstruílas cunha disposición que permita ampliar o acceso, o que convela a escavación en roca dos terreos anexos e reposición dos servizos de abastecemento, media tensión, gas ou telecomunicacións afectados.

As obras engadirán comodidade e seguridade ao tráfico, dado que a vía afectada -que da acceso ao parque dende a N-640 polo oeste- ten aproximadamente 5 metros de anchura e resulta reducida para a intensidade e a tipoloxía dos vehículos que a utilizan.

Balseiro subliñou que a Xunta “mantén un compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial e co apoio ao emprendemento”, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia. Neste sentido, lembrou que no conxunto da provincia a Consellería apoia con 1,3 millóns de euros proxectos de actuación nos parques empresariais de 15 concellos, mobilizando 1,6 millóns de euros de investimento. 


- Te recomendamos -