Inicio Galicia A Xunta financia integramente a rehabilitación da antiga escola de Trabada para...

A Xunta financia integramente a rehabilitación da antiga escola de Trabada para crear un centro etnográfico, cun investimento de 272.000 euros

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que tamén se impulsa o desenvolvemento turístico do municipio cunha achega de 36.000 euros para a área recreativa da Choza


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio financiará integramente as obras de rehabilitación da antiga escola de Trabada para crear un centro etnográfico.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o inmoble acompañado pola alcaldesa, Mayra García, e explicou que o Goberno galego investirá 272.000 euros para levar a cabo esta actuación.

O investimento responde a un programa de axudas da Xunta dirixido aos concellos e orientado a crear ou mellorar os equipamentos e infraestruturas urbanas, co fin de frear o despoboamento mellorando o benestar e a calidade de vida da poboación. Nos municipios de menos de 5.000 habitantes a achega autonómica é do 100 por cento do orzamento do proxecto.

Este é o caso de Trabada, onde se executará unha iniciativa para poñer en valor a antiga escola, un espazo que na actualidade está practicamente en desuso. Está situada no trazado do Camiño Norte e prevese que no futuro albergue o centro expositivo e un punto de información turística.

Para elo, proxéctase a recuperación da volumetría orixinal do edificio eliminando os catro edificios anexos. O bloque que alberga os aseos e os soportais dianteiros deberán ser totalmente reconstruídos debido aos danos que presenta a estrutura. Tamén se renovará a cuberta, os acabados dos paramentos exteriores, e se executarán obras interiores, entre elas dous baños na planta baixa habilitados para persoas con mobilidade reducida.

Balseiro tamén apuntou que a Xunta impulsa o desenvolvemento turístico do municipio cunha axuda de Turismo de Galicia de 36.000 euros para mellorar a sinalización e os puntos de luz na área recreativa da Choza.

O delegado afirmou que a Xunta traballa “polo desenvolvemento das vilas e dos núcleos de poboación con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das áreas rurais”.


- Te recomendamos -