O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presentou hoxe a iniciativa en Arteixo, no acto de entrega de diplomas aos alumnos da edición que vén de rematar
Un cento de persoas sen emprego participarán na nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE) Arteixo-Integra. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presentou hoxe a iniciativa que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria co apoio do Concello. O investimento total é de 260.000 euros dos que un 80% financia a Xunta.
O obxectivo do PIE é incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. De feito, o obxectivo mínimo de inserción laboral fixado para este programa é do 35%. No Programa Integrado de Emprego, que vén de rematar e do que se entregaron hoxe os diplomas aos alumnos participantes, un total de 53 persoas acadaron un posto de traballo, é dicir, un 63% das que comezaron o programa.
Así, Marnotes salientou os bos resultados desta actuación que na edición 2018-2019 centrarase nas seguintes especialidades: axudante de cociña, caixeiro, operacións básicas de restaurante e bar, monitor de tempo libre e comedor escolar, atención sociosanitaria a persoas dependentes e socorrismo en espazos acuáticos. A cualificación nestas materias inclúe prácticas laborais en empresas para favorecer a inserción laboral, dando resposta ao modelo de formación dual e flexible polo que aposta a Administración autonómica.
En Arteixo-Integra tamén impartirase formación en orientación laboral, prevención de riscos laborais, manipulador de alimentos e de peixe e darase asesoramento en emprendemento. Así mesmo, haberá medidas de conciliación da vida familiar e laboral para favorecer a asistencia dos participantes ao curso que ten un ano de duración. Haberá axudas por fillos menores de 3 anos e flexibilidade horaria para pais con fillos en centros de educación primaria.
O novo PIE de Arteixo forma parte do conxunto de Programas Integrados de Emprego que están comezando na actualidade en Galicia e nos que a Xunta inviste 11 millóns de euros. En total, poranse en marcha 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.
Nesta convocatoria de axudas priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.
Entrega de diplomas No PIE desta edición, que vén de rematar, participaron un total de 85 alumnos e alumnas que se formaron en atención sociosanitaria para persoas dependentes en institución sociais, caixeiro, repoñedor e manexo de carretillas, axudante de cociña, monitor de tempo libre, comedor e transporte escolar, entre outros.
Na entrega de diplomas, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.
- Te recomendamos -