Destinaranse algo máis de 3,2 millóns de euros á cooperación ao desenvolvemento, e 300.000 euros a iniciativas de acción humanitaria
A Xunta vén de facer pública a resolución da convocatoria de concorrencia competitiva para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.
O orzamento total ascende a algo máis de 3,2 millóns de euros, un 8,3% máis que en 2017. Gran parte destínase aos proxectos desenvolvidos por ONGD, pero tamén se reserva unha parte para aqueles impulsados por outros axentes.
En total, resultaron beneficiarios 19 proxectos: 15 de ONGD e 4 doutros axentes. Todos eles executaranse en países prioritarios para a Cooperación Galega, como son Guatemala, Nicaragua, Salvador, República Dominicana, Honduras, Perú, Mozambique, Guinea Bisssau e Cabo Verde.
Acción humanitariaAdemais, hoxe mesmo publicouse a resolución da convocatoria de subvencións destinada a financiar proxectos de acción humanitaria no exterior durante este ano. Resultaron beneficiarias 5 entidades, que recibirán en total 300.000 euros.
Os proxectos subvencionados permitirán dar resposta a crises esquecidas e de longa duración como a da República Democrática do Congo ou a República Centroafricana; facer fronte á continua crise alimentaria no Sahel, a través dunha intervención en Burkina Faso; así como atender a situación de Palestina e Haití. Todas as entidades beneficiarias son organizacións destacadas no ámbito humanitario e que contan con socios locais de referencia.
O obxectivo da orde de axudas, que se publicou no DOG o pasado mes de abril, é apoiar aqueles proxectos que, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), destínanse a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana despois das crises.
- Te recomendamos -