Na provincia de Ourense, financiáronse actuacións en seis centros de atención á primeira infancia
A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, avanzou hoxe que a orde de axudas para obras de mellora, accesibilidade, adquisición de novo equipamento e para a integración das novas tecnoloxías nas aulas das escolas infantís municipais beneficiou a 34 concellos galegos. Un deles foi o de Barbadás, que a directora xeral visitou hoxe xunto á delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira.
Na provincia de Ourense, esta liña de axudas financiou actuacións en seis centros de atención á infancia de 0 a 3 anos. En concreto, a escola de Barbadás, con 102 prazas distribuídas en sete unidades, recibiu este ano unha achega de preto de 30.000 euros con cargo a esta liña de axudas, que contan con financiamento por parte do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. Ademais, na provincia beneficiáronse tamén Arnoia, Melón, San Cibrao das Viñas, Riós e Boborás.
Este investimento permitirá dotar este centro municipal dun soportal cuberto, renovar o mobiliario interior e exterior e o material didáctico e de xogo, habilitar unha conexión a internet e comprar encerados dixitais.
A responsable de Familia indicou que estes investimentos en escolas infantís e puntos de atención á infancia de titularidade municipal “son unha mostra máis do compromiso da Xunta coa calidade da atención educativa na que é a primeira etapa de aprendizaxe dos nenos e nenas”. Ao respecto, avanzou que o orzamento de 2019 contempla, por cuarto exercicio consecutivo, o mantemento desta liña de subvencións por un montante global de 712.000 euros. Deste xeito, as novas contas de Política Social para o vindeiro ano “amosan unha vez máis a vontade inequívoca deste Goberno de que as familias galegas dispoñan dos mellores recursos de conciliación para os seus fillos e fillas”, concluíu.
Por último, Amparo González insistiu en que a atención á infancia e o apoio ás familias é unha prioridade para o conxunto do Goberno galego e ten o seu reflexo no presuposto de 2019, no que esta área aumenta as súas partidas nun 8% en comparación con este ano ata acadar os 143 millóns de euros. Esta maior marxe orzamentaria permitirá consolidar, ademais das ordes de axudas para investimentos de mellora en escolas infantís, outras medidas que forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) como son os bonos Coidado e Concilia, as Casas Niño ou a posta en marcha de novas escolas infantís en contornas laborais.
- Te recomendamos -