Inicio Galicia A Xunta financia a contratación de 11 orientadores laborais en concellos e...

A Xunta financia a contratación de 11 orientadores laborais en concellos e entidades da área territorial de Vigo

0

O delegado Ignacio López-Chaves informou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina na provincia de Pontevedra máis de 695.000 euros á iniciativa


O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou hoxe da resolución da convocatoria de axudas para este ano para a contratación ou renovación de orientadores laborais por parte de concellos, confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia e entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social, que realicen accións de orientación laboral. Unha iniciativa á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina na provincia de Pontevedra máis de 695.000 euros.

A Administración autonómica apoia este ano con preto de 6 millóns de euros a contratación ou mantemento de 244 orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro de toda Galicia. Supón un 1,3% máis de investimento que o pasado ano.

No que atinxe a área territorial de Vigo e, segundo os datos facilitados polo representante autonómico, financiaranse 11 orientadores laborais. Concretamente foron beneficiarios catro concellos, Mos, Moaña, Nigrán e Salceda de Caselas; e cinco entidades, a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería, a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga, a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, a Asociación de Empresarios de Mos e a Confederación de Empresarios de Pontevedra.“Un servizo destinado a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Galicia”, asegurou López-Chaves, quen lamentou especialmente que o Concello de Vigo, que o ano pasado obtivo financiamento para a contratación de dous técnicos, renunciara a acudir a nova convocatoria de axudas.

O delegado territorial sinalou que esta é unha das medidas incluídas nas políticas activas de emprego do Goberno galego, coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca facilitar a inserción e reincorporación laboral dos desempregados, ademais de favorecer a súa mobilidade profesional no mercado de traballo e dar apoio para que os destinatarios tomen as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades formativas. Tamén se procura mellorar a empregabilidade dos traballadores e desenvolver o espírito emprendedor e as iniciativas de autoemprego. A Xunta pretende, ademais, potenciar unha participación activa no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral. A contía máxima da axuda que se concede con carácter xeral é de 25.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social. A cantidade é de 28.000 euros no caso das entidades sen ánimo de lucro de atención a persoas con discapacidade.

Rede especializada de técnicosOs orientadores laborais son os técnicos que realizan accións de orientación profesional para emprego e o autoemprego, dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas, velaí a importancia de contar cun instrumento para promover a configuración dunha rede especializada de técnicos encargados da mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas desempregadas.

Estes profesionais encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

Aos orientadores que traballan nos concellos e entidades súmanse os do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Deste xeito, na actualidade, o servizo de orientación laboral de Galicia está composto por máis de 520 técnicos que actúan como titores personalizados de cada persoa desempregada.

Este servizo tamén está enfocado ás empresas, xa que os traballadores desta rede especializada na orientación contactan coas firmas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das súas necesidades, ao tempo que lles informan sobre os diferentes incentivos cos que conta a Administración autonómica para a contratación.

Esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria enmárcase na Axenda 20 coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020. Preténdese poñer en marcha, entre outras medidas, un novo modelo de orientación aberta, achegando o servizo aos usuarios e combinando accións presenciais e online; ademais de potenciar a atención a empresas tanto desde as oficinas de emprego como nas de apoio á empresa, orientándoas a servizos, pemes e emprendedoras.  


- Te recomendamos -