O director de Agader e o delegado da Xunta en Pontevedra visitaron hoxe ambos municipios con motivo da compra desta maquinaria para a roza de matogueira
Os concellos pontevedreses de Ribadumia e Portas dispoñen de cadanseu tractor para a prevención de incendios forestais, en virtude dun convenio financiado pola Consellería do Medio Rural, cun importe máximo de 85.000 euros en cada caso.
O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe ambos concellos con motivo da adquisición desta maquinaria para a roza. Con este tipo de convenios trátase de facilitar, por parte da Xunta, os traballos de limpeza de matogueira no ámbito de competencias das entidades locais.
Neste contexto, o pasado mes de agosto asináronse os correspondentes documentos con 19 alcaldes de toda Galicia, entre eles, os de Ribadumia e Portas. En virtude destes acordos, Medio Rural comprometeuse a financiar a compra da maquinaria por parte dos municipios beneficiados. A axuda destínanse á compra dun tractor con dous apeiros de roza (un de arrastre e outro de brazo). O IVE correspondente ten que aboalo cada concello.
A Consellería continuará con esta iniciativa e proseguirá achegando financiamento, por un importe total de 3,2 millóns de euros só este ano, para a adquisición de novos tractores, ata chegar a 35 neste exercicio. Estes sumaranse aos 35 subvencionados en 2017, co que xa serán 70 os apeiros financiados, que prestarán servizo a un total de 81 entidades locais.
- Te recomendamos -