O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asistiu esta mañá á presentación do proxecto para a asignación de espazos que están ubicados nos andares 3º e 4º do edificio
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu esta mañá á presentación do proxecto para a asignación de espazos destinados ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro no edificio de Benito Corbal.
Na xuntanza que tivo lugar na Delegación territorial da Xunta, deuse traslado aos representantes tanto das asociacións como das entidades, dos criterios a seguir no reparto de espazos e o proceso administrativo que que se seguirá, ademais de coñecer a opinión e suxestións dos involucrados. Desta maneira iniciase xa o procedemento para repartir os locais, para que en canto estea rematado o edificio xa se podan trasladar ás novas instalacións que a Xunta pon á súa disposición.
As asociacións e entidades pontevedresas disporán de dúas plantas, con 26 despachos e unha sala de reunións, e a posibilidade de usar o salón de actos e a sala de exposicións, cando así o requiran, unha vez estean rematadas as obras de rehabilitación do edificio que avanzan segundo o ritmo previsto e prevese que estean rematadas no primeiro trimestre do ano que vén.
As obras de rehabilitación da antiga sede da Xunta na cidade de Pontevedra contan cun orzamento de 4,5 millóns de euros e aglutinan no centro da cidade máis de 5.000 metros cadrados nos que se ubicarán tamén o Campus Crea da universidade de Vigo e as oficinas de Emprego, actualmente dispersas pola cidade.
Nos dous primeiros andares estarán as oficinas de emprego, nos andares 3º e 4º as asociacións e entidades sociais sen ánimo de lucro, e nos andares 5º,6º,7º e 8º o Campus Crea da Universidade de Vigo. Os accesos serán diferenciados, ás oficinas de emprego accederase pola rúa Benito Corbal e ao resto das oficinas pola rúa Javier Puig.
Entre as principais novidades desta remodelación integral do inmoble inclúese a substitución da fachada por un revestimento de aluminio. Tamén se cambia a carpintería metálica por outra con dobre acristalamento. Ademais de incluír distintas actuacións no eido da eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir nun 70% o custo de mantemento en calefacción e iluminación do inmoble.
- Te recomendamos -