O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que unha vez que rematen os traballos só restará culminar o proceso administrativo conducente á entrega de títulos
Alfoz (Lugo), 20 de setembro de 2018.- A Consellería do Medio Rural está a executar as últimas obras que quedaban pendentes na área de reestruturación parcelaria do Val de Alfoz, coas que se darán por concluídas as actuacións sobre o terreo logo dun investimento global de 5,6 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se acometen traballos nas canles e se rematan pequenas actuacións correspondentes á segunda fase da rede de camiños secundarios, que xa están moi avanzadas polo que “en breve estarán completas todas as obras previstas”.
Balseiro apuntou que este paso “representa un avance moi importante na concentración”, na que só restarán os trámites administrativos conducentes á entrega dos títulos de propiedade, un procedemento que en todo caso é complexo e que involucra a 1.508 propietarios sobre unha superficie de 1.526 hectáreas.
O delegado afirmou que “para a Consellería é unha prioridade impulsar os procesos de concentración parcelaria, sobre o convencemento de que a reorganización de terras permitirá un mellor aproveitamento para os que apostan por labrar o seu futuro no rural”.
No caso do Val de Alfoz, sinalou Balseiro, as 7.746 parcelas preexistentes quedan reducidas practicamente á terceira parte (2.701), pero a superficie media de cada unha delas medra en igual medida, pasando dos 1.970 metros cadrados ata os 5.371 metros cadrados das fincas actuais. O redimensionamento das fincas facilita o seu aproveitamento, optimiza o traballo, favorece a introdución de maquinaria e mesmo doutros usos que anteriormente non eran rendibles. Neste sentido, Balseiro insistiu en que o peche administrativo de todas as reestruturacións parcelarias abertas na nosa comunidade é un compromiso do Goberno galego para a presente lexislatura, segundo as liñas marcadas desde a Consellería do Medio Rural.
Dixo tamén que estes procesos estanse adaptando ao novo marco legal coa introdución dos plans de aproveitamento de cultivos e a adopción de medidas de protección do medio ambiente. Inclúen tamén medidas para evitar o abandono das terras.
- Te recomendamos -