Inicio Galicia A Xunta envía ao Goberno central o expediente favorable para que a...

A Xunta envía ao Goberno central o expediente favorable para que a Festa do Albariño de Cambados sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional

0

O Goberno galego culmina así o proceso que vén apoiando nos últimos anos para conseguir que esta celebración acade o máximo recoñecemento

A Xunta de Galicia vén de enviar ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o expediente favorable para que a Festa do Albariño de Cambados sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional culminando así o proceso que o Goberno galego vén apoiando nos últimos anos para que esta celebración acade o máximo recoñecemento.

Co envío do informe favorable, o procedemento alcanza xa a súa etapa final e será agora o Goberno central o encargado de proceder á declaración, convertendo así a Festa do Albariño de Cambados na primeira festa enogastronómica galega en ser recoñecida de Interese Turístico Internacional.

A Festa do Albariño –que se está a celebrar durante esta fin de semana na vila de Cambados– é un claro exemplo de como as festas galegas son un dos maiores patrimonios turísticos cos que conta Galicia. Trátase dunha das celebracións vitivinícolas máis antigas de Galicia e a segunda de España, que conseguiu afianzarse nos últimos anos como gran expoñente do enorme potencial enogastronómico da Comunidade galega.

Precisamente hoxe participaron nesta festa a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que asistiron ao acto de irmandamento do Capítulo Serenísimo do Albariño celebrado no Pazo de Fefiñáns.É, ademais, pioneira xa que no seu día se converteu na segunda festividade de Galicia en ser declarada Festa de Interese Turístico Nacional e na primeira da provincia de Pontevedra en conseguilo. No ano 1990 abriu o paso ao resto de celebracións que a día de hoxe teñen ese recoñecemento en dita provincia converténdoa, con cinco festas recoñecidas de Interese Turístico Nacional, na de maior número de festas con esta distinción.

Clave no modelo turístico galego Unha vez que o Goberno central ratifique o informe favorable enviado pola Xunta de Galicia, a Festa do Albariño de Cambados dará un paso máis no seu recoñecemento e unirase ás nove festas de Interese Turístico Internacional coas que conta Galicia actualmente. Sumarase á festividade do Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo, o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, as Fogueiras do San Xoán da Coruña e a Festa da Arribada de Baiona.

Dentro do modelo turístico galego, celebracións como a do Albariño ocupan un lugar destacado. A Xunta apoia as festas dedicando ao completo unha das 11 liñas da Estratexia de turismo de Galicia 2020 a potenciar os valores que fan diferente o destino galego, onde se inclúe o coidado do enfoque turístico das celebracións festivas galegas. Para as de Interese Turístico de Galicia, que suman 120 en toda a xeografía galega, Turismo de Galicia convoca anualmente unha liña de subvencións cunha contía global de 300.000 euros, algo que se completa con convenios de colaboración que se asinan cos diferentes concellos que teñen entre as súas celebracións algunha festa de Interese Turístico Nacional ou Internacional.


- Te recomendamos -