A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destaca a importancia de promover o coñecemento da lingua de signos na poboación xeral
A Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe no acto de entrega de diplomas dos obradoiros de lingua de signos organizados pola Asociación de Persoas Xordas de Ferrol e nos que participaron máis de 80 persoas. O acto desenvolveuse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia na cidade naval.
A responsable autonómica destacou a importancia destas accións formativas que teñen o dobre obxectivo de “fomentar o voluntariado oínte e xordo na comunidade xorda e, ao mesmo tempo, promover o coñecemento da lingua de signos na poboación xeral”. Ao respecto, engadiu que “a formación en lingua de signos, ademais de ser o principal vehículo para o acceso igualitario das persoas xordas a todos os servizos da súa comunidade, tamén é fundamental para facilitar a comunicación coas persoas oíntes”.
Por úlltimo, Cecilia Vázquez insistiu en poñer de relevo o “importante traballo que levan a cabo as entidades de persoas xordas, mediante accións que favorecen o empoderamento persoal, a eliminación das barreiras de comunicación e todas aquelas propostas que aseguran o pleno desenvolvemento do colectivo”. Así mesmo, tivo palabra de agradecemento e recoñecemento para “o compromiso e solidariedade das persoas que, de maneira altruísta, empregan parte do seu tempo en accións de voluntariado”.
- Te recomendamos -