Inicio Galicia A Xunta entrega ao Concello de Moaña unha motobomba para reforzar a...

A Xunta entrega ao Concello de Moaña unha motobomba para reforzar a prevención e loita contra os incendios forestais

0

Este vehículo forma parte do operativo antiincendios da Consellería de Medio Rural, que na tempada de alto risco está composto por preto de 7.000 efectivos, sobre 30 medios aéreos e 360 motobombas, concellos e parques de bombeiros


O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, entregou hoxe ao Concello de Moaña un vehículo motobomba destinado a actividades de prevención e loita contra os incendios forestais. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia coa publicación da orde (20 de marzo do 2018) que acorda a cesión deste camión. No acto estivo presente o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo.

A Administración autonómica continúa así a colaborar activamente coas entidades locais facilitándolles os recursos que lles permitan exercer as súas competencias na prevención e loita contra o lume, ben a través de medios propios ou por medio de mecanismos de apoio económico.

O ben cedido destinarase polo concello cesionario a fins de utilidade pública ou de interese social, de xeito especial, á realización da vixilancia e de todo tipo de actuacións relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais.

O Concello de Moaña deberá cumprir coas obrigas da Dirección Xeral de Tráfico e realizar o trámite de cambio de titularidade do vehículo. Asemade, corresponderalle os gastos derivados do mantemento do mesmo e do seu uso, así coma os derivados do seguro, da inspección técnica de vehículos e o imposto de tracción mecánica.

Este vehículo forma parte do operativo antiincendios da Consellería de Medio Rural desta campaña que é moi semellante ao dos últimos anos. Así, estará composto por máis de 7.000 efectivos, contabilizando os propios da Xunta, os do Ministerio de Agricultura, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. No que atinxe aos medios materiais, contarase cunha trintena de medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado, e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, e aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.


- Te recomendamos -