Inicio Galicia A Xunta e o concello de Arteixo asinan o acordo para a...

A Xunta e o concello de Arteixo asinan o acordo para a xestión dos servizos de día e residencial do novo centro interxeracional

0

Este acordo responde ao compromiso de manter unha efectiva coordinación e cooperación cos concellos co fin de asegurar a cobertura e a calidade dos servizos sociais


O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo Martínez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a xestión dos centros de día e de atención residencial que alberga o novo edificio interxeracional construído pola Fundación Amancio Ortega (FAO) neste municipio coruñés, e que tamén conta con servizo de escola infantil que abriu as súas portas no presente curso escolar 2017-2018 dentro da rede autonómica da Galiña Azul. A sinatura do acordo tivo lugar en San Caetano e a ela asistiu tamén o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños.

Rey Varela sinalou que este convenio, con catro anos de vixencia prorrogables por un período doutros catro adicionais, supón un paso definitivo para a próxima entrada en funcionamento destas dúas prestacións dirixidas aos maiores e persoas dependentes. Ao respecto, apuntou que responde ao compromiso de manter unha efectiva coordinación e cooperación cos concellos co fin de asegurar a cobertura e calidade dos servizos sociais. De feito, enmarcouno no acordo marco acadado en maio de 2016 entre a Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para garantir a viabilidade económica presente e futura dos servizos que se prestan no ámbito local por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

No caso concreto de Arteixo, esta liña de colaboración aínda avanza un banzo máis ao compartir Xunta e Concello, a partes iguais, o financiamento e adxudicación das 64 prazas que están dispoñibles na parte residencial do edificio. Así, o concello de Arteixo ocuparase da designación das persoas usuarias da metade das prazas seguindo o regulamento aprobado para tal fin pola corporación local, e a outra metade serán asignadas pola Administración autonómica. Ademais, a firma deste convenio coincide coa publicación na Plataforma de Contratación da Xunta de Galicia da licitación para a xestión tanto da residencia como do centro de día deste equipamento.

O edificio interxeracional de Arteixo, construíuno a FAO cun investimento de 10 millóns de euros. Esta actuación realizouse en virtude do convenio asinado pola propia fundación, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Arteixo en 2015, e conta cunha escola infantil de 82 prazas, un centro de día de 40 prazas e unha residencia de maiores de 64 prazas.


- Te recomendamos -