Inicio Galicia A Xunta e a industria galega demandan ao Goberno que aprobe de...

A Xunta e a industria galega demandan ao Goberno que aprobe de forma inmediata o Estatuto da empresa electrointensiva

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co sector no que se acordou solicitar medidas para competir en igualdade co resto de empresas europeas e reducir así o prezo da electricidade

A Xunta e a industria acordaron hoxe demandar ao Goberno central que aprobe de forma inmediata o Estatuto da empresa electrointensiva. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou despois dunha reunión con representantes das principais empresas grandes consumidoras de electricidade galegas que é preciso que esta norma inclúa medidas concretas que se poidan aplicar desde o 1 de xaneiro de 2019, cun impacto directo na situación das compañías.

Neste sentido, no encontro, que dá continuidade ao celebrado o pasado mes de novembro, sinalouse que o Estatuto debe definir diferentes tipos de electrointensivas, diferenciando ás industrias hiperelectrointensivas en función tanto da intensidade da enerxía que consomen para desenvolver a súa actividade como dos diferentes períodos nos que se distribúe este consumo.

Na reunión tamén se consensuaron dúas medidas concretas: a redución de peaxes vinculadas ao transporte eléctrico, e a aplicación efectiva dos mecanismos de compensación de CO2, aprobados e validados pola Unión Europea, e que estes se inclúan tamén no vindeiro ano.

Segundo sinalou Conde, estas iniciativas deben de complementar aos incentivos eléctricos que as empresas poidan ter nas poxas de ininterrompebilidade, achegándolle ás compañías un escenario de certeza de cara a 2019.

Tal e como incidiu o conselleiro, estas actuacións son necesarias para que España e as empresas electrointensivas españolas poidan competir en igualdade de condicións que o resto de empresas da Unión Europea. Neste sentido, apuntou que as medidas que a Xunta e a industria lle queren trasladar ao Goberno central xa se están a aplicar noutros países. 


- Te recomendamos -