Inicio Galicia A Xunta e a Deputación de Lugo avanzan no proceso de comarcalización...

A Xunta e a Deputación de Lugo avanzan no proceso de comarcalización do parque de bombeiros da capital provincial

0

O acordo entre as dúas administracións que forman parte do Consorcio provincial permitirá agora trasladarlle a proposta ao Concello de Lugo

A Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo apostaron hoxe por avanzar no proceso de comarcalización do parque de bombeiros da capital provincial. O acordo tomouse durante o pleno do Consorcio provincial de bombeiros e permite que o proxecto se traslade agora ao concello de Lugo.

A comarcalización do parque de bombeiros de Lugo daría servizo a case 120.000 persoas como parque de primeira resposta, e atendería aos concellos de Castro de Rei, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei e Rábade, ademais de á propia capital provincial. No concello de Begonte actuaríase como unidade de apoio. Unha vez que se peche a comarcalización do parque de bombeiros de Lugo poderase abordar a cobertura das zonas de sombra que puidesen quedar na provinciaA comarcalización dos parques das cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola Xunta de Galicia e abordadas no Grupo de Traballo polas emerxencias, permitirán que, cando se produza unha incidencia na comunidade autónoma, se estenda o tempo de resposta de 20 minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación.

Ata o de agora, a Xunta de Galicia, da man das deputacións respectivas provinciais, chegou a acordos cos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol e Ourense, administracións gobernadas por partidos políticos diferentes.

Ademais, da comarcalización, o pleno do Consorcio provincial de Lugo tamén aprobou a homologación dos salarios do bombeiros dependentes do consorcio cos dos seus compañeiros da provincia de Ourense; así como tamén se procedeu a formalizar o cambio de titularidade da presidencia, que pasa a ser ocupada polo presidente da Deputación de Lugo, seguindo o modelo doutros consorcios.


- Te recomendamos -