O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, asistiu hoxe a unha xornada sobre a divulgación das vantaxes do serradoiro móbil, unha acción formativa promovida polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe no IES de Ortigueira nunha xornada sobre a divulgación das vantaxes do uso do serradoiro móbil, organizada polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, e que xa tivo lugar esta semana na Escola de Enxeñería de Pontevedra e na Escola de Capataces de Lourizán.
A xornada tivo unha dobre finalidade: dar a coñecer as vantaxes do uso do serradoiro móbil, como é o desenvolvemento dunha primeira transformación da madeira a pe de monte, e as saídas profesionais entre os máis novos nunha comarca na que a industria forestal é puxante e estratéxica. De feito, no distrito forestal de Ferrol tramitáronse o pasado ano solicitudes de corta por 996.000 metros cúbicos, sendo o terceiro que máis actividade de extracción realizou ao longo do pasado ano.
Lema destacou a importancia de dar a coñecer o uso das novas tecnoloxías na industria forestal co obxectivo de fomentar novas oportunidades de negocio e autoemprego. En palabras do director da Axencia, é unha forma de fomentar o asentamento na poboación no rural.
O director de Xera salientou a necesidade de impulsar a formación nesta actividade económica. Por iso, explicou que a Xunta ten en marcha a Estratexia de formación da industria forestal que ten entre os seus obxectivos desenvolver accións divulgativas que dean a coñecer a actividade industrial no sector forestal e os valores sobre os que se basean na actualidade a política industrial: sustentabilidade dos produtos forestais e o respecto e mellora co medio ambiente.
Esta folla de ruta foi elaborada coa participación das principais asociacións representativas deste ámbito, e o que busca é impulsar a especialización de máis de 5000 profesionais cunha oferta formativa á medida. Como reto tamén inclúe dar resposta ás necesidades das empresas e facilitar a adaptación dos traballadores á incorporación da última tecnoloxía.
- Te recomendamos -