A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe nun dos talleres enmarcado no programa ‘Xeración Responsable’ que conclúe hoxe en Santiago coa participación de 400 alumnos, despois de percorrer oito centros de ensino galegos
O programa Xeración Responsable que promove a Xunta concluíu hoxe no IES plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago despois de percorrer en total oito centros de ensino galegos coa participación de 400 alumnos e alumnas. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe no taller que se impartiu no instituto compostelán e que estivo dirixido a alumnos de animación sociocultural e turismo.
A iniciativa das consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Educación, Universidade e Formación Profesional busca difundir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible impulsados por Nacións Unidas para alcanzar no 2030 un mundo máis sustentable. No obradoiro, ao que acudiu a secretaria xeral de Emprego, os estudantes reflexionaron e debateron sobre igualdade de xénero, un crecemento económico sustentable, a industria, a innovación e as infraestruturas, e a produción e o consumo responsables.
Toca explicou as vantaxes que supón apostar por un emprego sustentable e igualitario ao tempo que explicou que Xeración Responsable pretende integrar a responsabilidade social nos contidos formativos e fomentar un pensamento máis aberto e innovador. O programa enmárcase na campaña europea Enterprise 2020, liderada en España por Forética que pon o foco no emprego sustentable. A Xunta é un dos socios institucionais desta campaña xunto co Ministerio de Emprego e Seguridade Social e os gobernos autonómicos de Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, Illas Baleares, A Rioxa, Madrid, Murcia e Valencia e o Cabildo de Tenerife.
Xeración Responsable púxose en marcha o pasado ano a través dunha experiencia piloto na que participaron 200 alumnos nos talleres realizados nas catro provincias galegas. Os obradoiros acadaron espertar o interese dos estudantes en temas como a igualdade, a protección ambiental, a xeración de novas empresas máis sustentables, a equidade, o consumo e a diversidade.
O programa tivo lugar este ano, ademais do IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), nos IES María Sarmiento (Viveiro), Sanxillao (Lugo), o IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), o IES Macías O Namorado (Padrón), o IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), o IES Politécnico de Vigo e o IES Universidade Laboral (Ourense).
A Administración autonómica, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está a difundir os valores da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre o tecido produtivo axudando ás pemes a implantar unha xestión baseada en comportamentos responsables. Para iso conta con diversos programas e axudas coas que apoiou o pasado ano a preto de 150 pemes, micropemes e autónomos para implantar sistemas de xestión de RSE, políticas encamiñadas a favorecer a igualdade no traballo e adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria neste campo está a investir este ano preto de 1,7 millóns de euros, case un 60% máis que en 2017.
Toca lembrou que Galicia foi pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar un verdadeiro emprego estable e de calidade. De feito, foi en 2012 unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico de RSE. Para a Xunta, en palabras da secretaria xeral de Emprego, a competitividade das empresas crecerá se existe un verdadeiro compromiso coa economía verde e responsable.
- Te recomendamos -