Inicio Galicia A Xunta destinou 233.462 euros a 6 entidades sen ánimo de lucro...

A Xunta destinou 233.462 euros a 6 entidades sen ánimo de lucro do Salnés para contratar a 16 desempregados

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, lembrou que hoxe publicouse no DOG o novo programa de axudas de cooperación para as entidades sen ánimo de lucro que financiará a contratación de desempregados durante 9 meses a tempo completo A iniciativa ofrece ás persoas que contan con máis dificultades para atopar un traballo unha experiencia e práctica profesional para facilitar a súa inserción no mercado laboral

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe do novo programa de axudas de cooperación para as entidades sen ánimo de lucro, ao que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 8,1 millóns de euros para apoiar a contratación de 473 persoas sen emprego a través de 125 asociacións. Estímase unha axuda media por entidade de 64.800 euros, o que supón máis do dobre que na convocatoria anterior.

Cores Tourís fixo referencia aos 233.462 euros que a Xunta destinou o ano pasado, dentro deste programa, a 6 entidades sen ánimo de lucro da comarca do Salnés, e que permitiu a contratación de 16 desempregados. Deste xeito, beneficiáronse en Vilagarcía de Arousa a Fundación Asilo Hospital Divina Pastora, a asociación de diminuídos psíquicos Con Eles, a asociación galega de Linfedema, a fundación Lar Pro Saúde mental e a asociación Bata. En Vilanova de Arousa, recibiu esta axuda a asociación de Pais Os Mecos.

En total, a provincia de Pontevedra recibiu o ano pasado un total de 1.950.000 euros que foron destinados a 64 entidades sen ánimo de lucro e que permitiron a contratación de 130 persoas sen emprego.

Esta iniciativa, que hoxe volver a convocarse, ten por obxecto a mellora da empregabilidade e o fomento do emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sempre que estean inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais (Ruepss), é dicir, a actuación ofrece ás persoas que contan con máis dificultades para atopar un traballo unha experiencia e práctica profesional durante 9 meses a tempo completo para facilitar a súa posterior inserción no mercado laboral.

As asociacións interesadas teñen ata o próximo 20 de agosto para presentar as súas solicitudes.

Como novidade, nesta edición, introdúcese a figura das entidades que desenvolven proxectos singulares: as que prestan servizos a outros colectivos, contan con máis dunha área de actuación a nivel autonómico e teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoal. Para estas asociacións destínanse 3 millóns de euros do orzamento global da orde de axudas, un 37% do total.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén inclúe nesta convocatoria melloras para simplificar e facilitar a xestión ás entidades nas contratacións, reducindo a documentación que teñen que presentar na solicitude. Establécese, ademais, un límite máximo da contía do apoio por entidade de 210.000€ e un anticipo do 90% da axuda tras a resolución. Esta iniciativa permitiu nas dúas últimas edicións a contratación de 955 persoas sen emprego en 513 entidades sen ánimo de lucro.

Este programa, que forma parte da Axenda 20, dá continuidade ás políticas activas de emprego dirixidas a favorecer a calidade do mercado laboral. A actuación, ademais, complementa ás axudas de cooperación para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil, unha iniciativa novidosa que se atopa en fase de resolución. 


- Te recomendamos -