A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá os traballos realizados no sendeiro Pontes do Río Lérez, un ruta de 14 km para dar a coñecer o patrimonio histórico e etnográfico deste enclave
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mobilizará no vindeiro ano un orzamento de máis de 5 millóns de euros a proxectos de mellora e conservación de espazos que se atopen en parques naturais e en Rede Natura 2000. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que esta mañá visitou os traballos realizados no sendeiro Pontes do Río Lérez.
Indicou que o Goberno galego quere manter a posta pola conservación e a protección do patrimonio natural, polo que en 2019 se destinarán 5,3 millóns de euros en axudas e investimentos directos, dos cales case 1,8 millóns de euros estarán destinados a accións en parques naturais e no Parque Nacional Illas Atlánticas, case 2 se reservarán para a orde de axudas e 1,5 en Rede Natura.
Vázquez Mejuto puxo como exemplo a actuación visitada esta mañá, que foi financiada con fondos Feder e que permitiu a execución de case 140 proxectos en Rede Natura, dos cales 67 iniciativas foron presentadas polo concellos e 72 destináronse a titulares de terreos forestais ou agrícolas. Grazas a estes incentivos, e ás actuacións executadas, preserváronse, recuperáronse e melloráronse espazos incluídos en Rede Natura 2000, poñendo en valor o patrimonio natural destes enclaves que –en definitiva- “son a mellor carta de presentación de Galicia”.
Sendeiro Pontes do Río LérezA conselleira de Medio Ambiente destacou que un dos reclamos do Concello de Forcarei son as paisaxes que debuxa o río Lérez ao se paso por Forcarei, polo que se proxectou o acondicionamento do sendeiro coñecido como Pontes do Río Lérez, unha ruta de 14 quilómetros con sendas para pescadores e homologada para o sendeirismo.
Está senda está integrada na Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Candán, un espazo protexido que conta con máis de 10.600 hectáreas de superficie e na que se atopan os nacementos dos ríos Lérez e Umia.
Grazas a actuación levada a cabo, instaláronse paneis e balizas interpretativas que van describindo aos visitantes os ecosistemas presentes na zona, así como a importancia da Rede Natura e do seu coidado. Estes elementos, realizados en madeira para encaixar no entorno, inclúen contidos específicos de natureza e patrimonio que foron redactados por persoal con experiencia en interpretación do patrimonio natural e histórico.
Ademais, a instalación desta sinalización permite reforzar as rutas de sendeirismo das Pontes do Lérez, así como o sendeiro natural Aciveiro-Candán. Tamén se acometeron desbroces nos accesos do sendeiro e consolidáronse infraestruturas de acceso ao mesmo.
A conselleira explicou que esta actuación executada en Forcarei responde aos obxectivos marcamos desde a Consellería, como mellorar a información aos visitantes que se acheguen a percorrer os espazos naturais, a conservación do entorno natural, así como do patrimonio histórico e etnográfico da zona e apostar pola protección dos hábitats e ecosistemas presentes nos espazos naturais, compatibilizándoo co seu uso público.
- Te recomendamos -