A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o concello para coñecer de primeira man o resultado dos traballos realizados
A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe o concello das Neves para coñecer de primeira man o resultado dos traballos de reparación realizados tras os danos ocasionados pola vaga de lumes de outubro de 2017 e as enchentes de decembro, e nos que a Xunta colabora no seu financiamento.
Tras a vaga de lumes de outubro, a Xunta habilitou en tempo récord unha convocatoria de axudas que incluía distintos ámbitos de actuación: reparación de danos persoais; en vivendas; ou explotacións agrarias e gandeiras, entre moitos outros supostos. Entre eles, recollíase a posibilidade de asinar convenios cos concellos afectados para colaborar na reparación e reposición daqueles bens de titularidade municipal que resultaran afectados.
Ao abeiro desta liña das axudas, a Vicepresidencia e o concello das Neves asinaron un convenio de colaboración, a través do que a Administración autonómica achega algo máis de 57.000 euros. Grazas a este orzamento, finánciase o 50% dos custos de combustible, subministración de contedores, reparación de danos no tendido eléctrico, e outras actuacións, como reposición na traída, rede de sumidoiros ou instalacións de saneamento.
Por outra banda, en decembro do ano pasado tamén se produciron danos debido ás enchentes orixinadas pola cicloxénese explosiva Anna. Ante esta situación excepcional, a Vicepresidencia tamén asinou un convenio co concello das Neves para colaborar no financiamento das actuacións de reparación dos viais municipais afectados.
Neste caso, a colaboración da Xunta ascende a algo máis de 117.000 euros, e cubrirá tamén a metade dos custos ocasionados na reparación dos pasos na Portela, Pereiro ou no Cruceiro; ademais da reparación dun muro no Caneiro.
- Te recomendamos -