Inicio Galicia A Xunta destina máis de 1,7 millóns de euros para a formación...

A Xunta destina máis de 1,7 millóns de euros para a formación de 40 novos especialistas en internacionalización empresarial

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria do programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a especialización de persoas con titulacións universitarias ou profesionais relacionadas co ámbito empresarial

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria do programa para facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e dotada con máis de 1,7 millóns de euros.

A iniciativa está destinada a facilitar a especialización de 40 novos titulados no eido do comercio internacional, persoas nacidas a partir de 1983, con titulación universitaria ou profesional no ámbito vinculado ao mundo empresarial. As 40 bolsas convocadas achegarán formación práctica conxunta en Galicia durante 12 meses e especialización sobre o terreo en catorce destinos mundiais, onde colaborarán –a través do Igape– con proxectos de internacionalización de empresas galegas, durante 12 meses máis, nos mercados internacionais de maior interese estratéxico para o tecido empresarial galego.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria contribúe así á capacitación profesional de novos titulados para consolidar o proceso de internacionalización de empresas, para facilitar o seu acceso ao mercado laboral, e para impulsar o desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

O programa, que facilitou ata o momento a especialización de 295 novos titulados galegos que colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia en mercados de todo o mundo, enmárcase na Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020 desenvolvida pola Xunta, e que ten como un dos seus eixos a promoción da cultura de internacionalización no tecido produtivo. Acadar a formación do capital humano neste ámbito, proporcionar ao tecido empresarial recursos altamente especializados nos mercados exteriores e impulsar a contratación dos novos titulados por empresas en proceso de expansión internacional son os obxectivos deste eixo da Estratexia e da convocatoria que hoxe recolle o DOG.

O labor desenvolvido polos bolseiros durante os últimos anos non é alleo ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que se afianzou o pasado 2017, cando se superaron os 21.676 millóns de euros en vendas no exterior, un 8,2% máis que o ano anterior. O comezo de 2018 confirma a tendencia positiva, cunha suba do 19,4 nos dous primeiros meses do ano.


- Te recomendamos -