A Administración autonómica investirá 3,9 millóns de euros na provincia da Coruña para crear 527 postos de traballo O obxectivo dos tres programas de emprego cos que se apoia a contratación de socorristas, perceptores de Risga e desempregados nos concellos rurais é ofrecer servizos ao cidadán en colaboración coas entidades locais
O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou esta mañá varios dos programas de emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a comarca do Barbanza para o 2018 aos que se destinarán 600.000 euros para tres dos programas de emprego da Xunta, Aprol Rural e os referidos ás axudas para a contratación de perceptores da Risga e de socorristas. En total crearanse 116 postos de traballo na comarca do Barbanza. Na provincia da Coruña o investimento total ascende ata os 3,9 millóns e se crearán 527 postos de traballo. Ovidio Rodeiro destacou que “estes programas teñen como obxectivo dar cobertura aos concellos para que poidan prestar servizos de forma máis eficaz e ao mesmo tempo apostan por un sistema de colaboración coas entidades locais encargadas da selección deste persoal”. Aprol Rural O delegado territorial da Xunta na Coruña informou que o Aprol Rural, co que se apoia a contratación de persoas sen emprego no rural galego, financiará a totalidade dos custos salariais nos contratos, incluída a Seguridade Social segundo estea marcado no convenio colectivo vixente no momento no que o Concello presentou a súa solicitude. Aprol Rural suma na comarca 217.000 euros, un orzamento co que se financiará a contratación durante un período de 9 meses, e creará 19 postos de traballo . Este ano introduce como principal novidade que os contratos terán que estar relacionados coa valorización de sector forestal, ao mesmo tempo que se priorizaron nas valoracións aos Concellos Emprendedores, aqueles municipios que se adheriron ao convenio asinado entre Xunta e Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para fortalecer e promover a investimento en Galicia, enmarcado dentro da nova Lei de Implantación Empresarial. Na provincia da Coruña este programa creará 145 postos de traballo grazas a unha investimento de máis de 1,6 millóns. Risga Polo que respecta á contratación dos preceptores do Risga, sumará na comarca do Barbanza máis de 132.000 euros e permitirá a contratación de 16 persoas. Neste senso, Ovidio Rodeiro, aclarou que no Barbanza neste momento reciben a axuda do Risga no Barbanza 81 persoas e supón unha inversión 32.500 euros ao mes. O importe medio da axuda concedida por traballador é de 8.747 euros, case un 4% máis que o ano pasado. Na contratación terán preferencia, ao igual que nas últimas dúas edicións deste programa, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares. Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios será de sete meses. A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente. Para a resolución das axudas tívose en conta o número de desempregados, a evolución do paro entre 2013 e 2017 de cada localidade e da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a peche do ano pasado. Na provincia da Coruña este plan de emprego conta cun orzamento máis de 1,6 millóns creará 189 postos de traballo.
En relación a esta iniciativa, Ovidio Rodeiro puntualizou que a Xunta ampliará, nas próximas semanas, o crédito para esta convocatoria de axudas co obxectivo de poder atender todas as solicitudes que cumpran cos requisitos. Segundo os baremos que se marcan na orde, cada concello pode solicitar un mínimo de 2 traballadores e un máximo de 40. Socorristas O terceiro dos programas de emprego refírese ao plan de cooperación co que se apoia a contratación de 81 socorristas, durante dous meses, en 8 concellos da comarca cun orzamento que supera os 254.000 euros. Na provincia da Coruña o número de socorristas contratados ascenderá a 193 cun orzamento total que supera os 590.000 euros. O delegado territorial recalcou que estes programas de emprego son una mostra máis de que a Xunta está a facer un importante esforzo para crear emprego na provincia e neste caso o fai a través dun traballo conxunto cos concellos, o que implica un triplo beneficio: o aforro para as facendas locais; a garantía de que as ocupacións solicitadas responden ás necesidades reais dos concellos que, como administracións máis próximas, coñecen as necesidades máis urxentes; e o impulso á creación de emprego nos concellos, especialmente nos que apostan polo sector forestal e que forman parte dos Concellos Emprendedores. En total, na provincia da Coruña son 12: Abegondo, Ares, Boiro, Carballo, Coirós, Dodro, Frades, A Laracha, Melide, Narón, Ordes, Oroso. A Consellería de Economía, Emprego e Industria está a investir este ano en Galicia preto de 60 millóns de euros para impulsar o emprego na Administración local a través de programas como o Aprol Rural, os apoios para a contratación de socorristas, os obradoiros duais e os específicos para a mocidade e os programas integrados de emprego. A actuación tamén forma parte da Axenda 20 coa que a Xunta busca fomentar a calidade no mercado de traballo e coa que se está contribuíndo á redución do paro en Galicia e á creación de emprego.
- Te recomendamos -