O incremento da colaboración entre o Servizo de Gardacostas e os corpos e forzas de seguridade do Estado e o reforzo da regulación nesta materia son outras mostras do traballo da Xunta na loita contra o furtivismo A conselleira do Mar agradeceu o traballo das confrarías de pescadores, dos corpos e forzas de seguridade do Estado e da Fiscalía Superior de Galicia na loita contra o furtivismo e apelou á importancia traballar xuntos e coordinados
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo o reforzo da actividade inspectora e da regulación na loita contra o furtivismo a través de tres eixos. Un deles, explicou, é o reforzo do Servizo de Gardacostas con máis medios; un servizo, engadiu, ao que a Xunta destina unha cantidade global de 26 millóns de euros anuais.
Así o explicou a titular de Mar durante a clausura do curso Fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto (PSM), coordinado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO). Alí tamén expuxo que o segundo eixo de loita contra esta lacra é o incremento da colaboración entre o Servizo de Gardacostas e os corpos e forzas de seguridade do Estado, en especial coa Policía Autonómica.
O terceiro eixo de reforzo da actividade inspectora e da regulación que relatou a conselleira é a consecución da reforma do Código Penal por parte do Goberno central, o que levou a establecer unha colaboración coa Fiscalía Superior de Galicia, engadiu. Esta colaboración, sinalou Rosa Quintana, materialízase nunha dobre vía. Por unha banda co sector na Mesa do Furtivismo e, por outra banda, a favor do sector e de Galicia coa tipificación do furtivismo como delito e o endurecemento das sancións.
Neste sentido, Rosa Quintana agradeceu o traballo das confrarías de pescadores, dos corpos e forzas de seguridade do Estado e da Fiscalía Superior de Galicia na loita contra a problemática do furtivismo e apelou á importancia traballar xuntos e coordinados neste fin “para brindar ao sector o futuro que se merece”.
A conselleira puxo como exemplo de suma de esforzos a organización do curso que hoxe se clausura, unha iniciativa xestionada pola FAO e que contou cos apoios do Porto de Vigo e da Fundación MarInnLeg, xurdida no marco da estratexia Blue Growtth. Nesta liña, sinalou que para a FAO o Porto de Vigo é unha garantía de éxito polo seu saber facer na cadea de produción –captura, transporte, venda e poxa do produto do mar, comercialización e distribución ao consumidor final-. Ademais indicou que para o porto de Vigo o feito de ser elixido por un organismo como a FAO “supón un gran recoñecemento ao traballo como primeiro porto pesqueiro da Unión Europea”.
O cursoO curso Fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto (PSM) desenvolveuse en Vigo desde o 12 de xuño ata hoxe. A través del a FAO pretende mellorar a capacidade dos inspectores de pesca no desenvolvemento das súas tarefas e permitir aos profesionais lograr a correcta implementación do acordo a nivel nacional e rexional.
Así nestes días 12 inspectores de Costa Rica, Ecuador, Panamá e Perú reforzaron a súa formación coa colaboración da Xunta, do Goberno central e de expertos da FAO e da Comisión Europea. Ademais os participantes puideron interactuar con membros do sector da construción naval, pesca fresca e conxelada, entre outros.
- Te recomendamos -