O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, incide na entrega do XIX Premio Emprende A Coruña na necesidade de achegarlle aos empresarios un apoio integral para que as novas iniciativas se consoliden
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na entrega do XIX Premio Emprende A Coruña que os emprendedores son o motor da economía galega. Conde, que apuntou que no que levamos de ano se crearon na provincia da Coruña 1.500 empresas, incidiu na necesidade de achegarlle aos emprendedores un apoio integral para que as novas iniciativas se consoliden e poidan contribuír ao desenvolvemento de Galicia.
Nese sentido, sinalou que o cometido das administracións públicas é potenciar o talento, lembrando iniciativas como as aceleradoras sectoriais que se están poñendo en marcha nos sectores biotecnolóxico, aeronáutico e agroalimentario, e que buscan replicar o éxito da Business Factory Auto.
Estes programas intégranse na plataforma StartIN Gailcia, a rede galega de aceleradoras que nos últimos cinco anos apoiou preto de 900 proxectos de emprendemento, e que se apoia na colaboración público-privada para potenciar a industria innovadora e competitiva.
Na súa intervención, o conselleiro sinalou que, ademais dos apoios, é preciso contar cun entorno axeitado para emprender. Neste sentido, sinalou que grazas ao convenio coa Fegamp hoxe Galicia xa conta con 106 Concellos Emprendedores, unha medida que se enmarca na Lei de implantación empresarial, que aposta por máis simplificación administrativa, máis facilidades no acceso ao solo e máis incentivos fiscais.
- Te recomendamos -