A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na inauguración do foro Novas oportunidades laborais: igualdade e calidade no emprego que organiza Executivas en colaboración coa Administración autonómica
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na inauguración do foro Novas oportunidades laborais: igualdade e calidade no emprego que organizou a Asociación Executivas de Galicia en colaboración coa Xunta para debater diferentes aspectos relacionados coa calidade no emprego e a igualdade e expoñer os diversos recursos públicos neste ámbito e a importancia de desenvolver plans de igualdade.
Toca destacou o papel da muller no mercado laboral e a importancia de seguir promovendo o seu desenvolvemento profesional. Así, puxo en valor a aposta do Goberno galego para avanzar cara a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres resaltando, entre outras medidas que están en marcha, a discriminación positiva nas políticas activas de emprego das mulleres que contan nas convocatorias de axudas cun 25% máis de intensidade.
A Xunta, ademais, traballa en coordinación coa Inspección de Traballo con actuacións dirixidas á persecución da discriminación por razón de xénero e está a executar o Plan de emprego feminino co que se apoia ás mulleres na consecución do espazo que lles corresponde dentro do mercado laboral. É unha folla de ruta prioritaria para favorecer a inserción por conta allea das mulleres e facilitar a iniciativa autónoma e emprendedora; para equilibrar a súa participación en todos os sectores e todas as categorías profesionais coa dos homes; para fomentar o desenvolvemento da súa carreira profesional; e para procurar os medios posibles para eliminar a fenda salarial.
A secretaria xeral de Emprego tamén lembrou que a Xunta vai colaborar coa asociación Executivas na elaboración dunha guía para o deseño de plans de igualdade nas empresas, para facilitar que traballadoras e traballadores teñan as mesmas oportunidades para o seu desenvolvemento profesional, e sinalou que a través da nova Estratexia galega de economía social reforzarase o papel da muller promovendo o seu acceso ao emprego e a postos de responsabilidade na economía social.
- Te recomendamos -