Inicio Galicia A Xunta destaca no Porriño o avance de Galicia cara a fábrica...

A Xunta destaca no Porriño o avance de Galicia cara a fábrica do futuro da man de solucións tecnolóxicas como as presentadas hoxe por GKN Driveline Vigo e o centro tecnolóxico Aimen

0

Estas tecnoloxías avanzadas foron presentadas na xornada Digital Technologies for Smart Factories, no marco da Unidade Mixta de Investigación JOINTS 4.0 apoiada polo Goberno galego


A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou esta mañá na inauguración da xornada Digital Technologies for Smart Factories, organizada polo centro tecnolóxico Aimen e a empresa GKN Driveline Vigo. O obxectivo desta xornada era presentar tecnoloxías orientadas á implantación da fábrica intelixente na industria e nela participaron expertos de empresas e universidades de España e do resto de Europa. Argerey amosouse moi satisfeita dos traballos realizados ata agora pola Unidade Mixta JOINTS 4.0, que tivo ocasión de visitar hai pouco máis dun ano, e que agora xeran este espazo de encontro para compartir coñecemento co resto da industria. A directora de GAIN apuntou que desde a posta en marcha deste instrumento, “estamos conseguindo dous obxectivos moi importantes: a colaboración entre a industria e o coñecemento e que o coñecemento sexa estendido ao conxunto da industria -o que acontece hoxe nesta xornada-. En particular, que as unidades mixtas xeren solucións, resultados concretos que permitan innovar a todo o tecido empresarial, gañando competitividade”.

Argerey destacou ademais que os obxectivos desta Unidade Mixta encaixan cos obxectivos da Xunta no ámbito da implantación da Fábrica Intelixente ou Industria 4.0, xa que JOINTS 4.0 persegue desenvolver novas tecnoloxías de fabricación sostible orientadas en primeiro termo ao sector da automoción, pero con aplicabilidade a medio-longo prazo noutros sectores e na industria en xeral. Neste senso, alíñase coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 que, no seu reto 2, busca a competitividade do sector industrial galego a través da innovación, así como co Plan Galicia Innova 2020 que prevé seguir reforzando os procesos de innovación aberta, estimulando a adopción de tecnoloxías clave para transformar os sectores produtivos galegos e acelerando a dixitalización empresarial.

A directora de GAIN subliñou outras dúas iniciativas, ademais das Unidades Mixtas de Investigación, que se teñen posto en marcha por parte da Xunta para avanzar na implantación da Industria 4.0, como son as dúas convocatorias do Programa Fábrica Intelixente, para incentivar o investimento en proxectos de Industria 4.0, e o impulso aos Hubs de Innovación Dixital, un novo instrumento de colaboración público-privada que permitirá gañar competitividade impulsando a dixitalización entre as pemes e compartir coñecemento e aproveitar mellor as capacidades dos axentes galegos do ecosistema innovador.

A través das cinco edicións que se teñen convocado das Unidades Mixtas de Investigación (incluída a de 2018, que está pendente de resolver) apoiaranse 42 proxectos (33 de nova creación e 9 de consolidación), mobilizaranse 121 millóns de euros e crearanse ou manteranse 550 postos de traballo cualificados.


- Te recomendamos -