A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe Noia coincidindo con esta celebración coa que culmina a campaña ‘Quere o teu mercado’, na que participaron 86 prazas e 3.000 comerciantes de toda Galicia
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a praza de abastos de Noia coincidindo coa celebración do Día do Mercado, coa que culmina a campaña Quere o teu mercado, na que participaron 86 prazas de abastos e 3.000 praceiros e praceiras de toda Galicia. Na súa visita, Vázquez Abeal destacou a importancia económica e social dos mercados galegos, pezas clave do comercio de proximidade.
Durante as dúas últimas semanas, showcookings, música e actividades para os máis pequenos animaron as compras no marco desta iniciativa internacional impulsada en Galicia pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co sector e os concellos. O obxectivo é promover os mercados e prazas de abastos galegos, incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras.
A iniciativa Quere o teu mercado, que este ano se celebrou baixo o lema Preto do teu corazón, busca atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade. Trátase de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños nun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market) está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano únense Portugal e Brasil aos mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, China, Arxentina e Estados Unidos. A información da campaña pódese atopar na páxina web http://www.quereoteumercado.gal/ ou ben a través do Facebook https://www.facebook.com/quereoteumercado.
- Te recomendamos -