O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na clausura do obradoiro Eume da convocatoria 2017/2018 no que 12 desempregados formáronse e obtiveron un contrato laboral durante 9 meses
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe nas Pontes no acto de clausura do obradoiro de emprego Eume, unha iniciativa que apoiou a Xunta en colaboración co Concello e grazas á que se crearon unha ducia de novos empregos. Un total de 12 alumnos e alumnas recibiron cualificación e obtiveron un posto de traballo durante 9 meses na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio. Nesta actuación investíronse preto de 168.000 euros.
En total, en toda Galicia puxéronse en marcha a través da convocatoria 2017/2018 un total de 83 obradoiros de emprego (59 xerais e 24 específicos para a mocidade) aos que a Administración autonómica destinou 20 millóns de euros para beneficiar a 1600 galegos e galegas sen emprego. Na provincia da Coruña, desenvolvéronse 24 obradoiros de emprego.
A partir do mes de setembro e, tal e como avanzou Marnotes, iniciarase unha nova edición deste programa. Na convocatoria 2018/2019 activaranse os novos obradoiros duais de emprego cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2350 persoas desempregadas. A Administración autonómica destinará en total 29,6M€.
O obxectivo é poñer en marcha en global 100 programas, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago.
Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses, como o que se clausurou hoxe nas Pontes. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.
A través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
Obradoiros forestais e do Camiño de SantiagoPara os obradoiros forestais, aos que se dá prioridade, resérvanse 5 millóns de euros, nos que se impartirán especialidades de aproveitamento, recolección, repoboación, conservación, silvicultura, construción e mantemento de infraestruturas para a prevención e extinción de incendios e de seguridade e medio ambiente relacionadas tamén coa vixilancia e extinción de incendios.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria reserva, ademais, 3 millóns de euros para os programas vinculados ao Camiño de Santiago, é dicir, para aqueles destinados á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación.
Nos obradoiros duais de emprego terán preferencia os desempregados con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, como os mozos e mozas menores de 30 anos; os emigrantes retornados; as mulleres, en especial, as mulleres vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego; os parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carezan de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3, nos que se require unha maior formación, xa que estes programas van dirixidos ás persoas que, con carácter xeral, carecen dunha cualificación profesional; e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
Marnotes destacou a importancia destes programas salientando que a formación é clave para favorecer o acceso a empregos de calidade. Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permita iniciar os seus propios proxectos.
O responsable de Orientación e Promoción Laboral tamén suliñou a importancia da colaboración entre as administracións públicas, indicando que os concellos son as entidades que mellor coñecen as necesidades dos diferentes territorios para incidir no tecido empresarial e mellorar as posibilidades de inserción laboral dos veciños. De feito, neste obradoiro impártese unha formación acorde ao tecido empresarial do territorio.
Marnotes, por último, referiuse á convocatoria destinada aos obradoiros de emprego dirixidos especificamente á mocidade nos que a Xunta investirá 3,4M€ para beneficiar a máis de 350 desempregados menores de 30 anos que teñen que estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Con este orzamento, prevese a posta en marcha a partires de setembro de 22 obradoiros. Estes programas combinan a formación coa realización dun traballo específico, un contrato de aprendizaxe durante 9 meses.
- Te recomendamos -