A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe nun networking sobre innovación, renovación e consolidación comercial celebrado en colaboración coa Federación Galega de Comercio
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou hoxe en Ourense, nun networking sobre innovación, renovación e consolidación comercial, celebrado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, a aposta que está a realizar o comercio de proximidade pola dixitalización e o uso das tecnoloxías para ofrecer novos servizos aos clientes e chegar a un maior público.
Na xornada, na que se abordou de xeito específico o impacto do novo regulamento europeo de protección de datos no sector, destacando as novidades máis importantes desta normativa, Vázquez Abeal sinalou que a dixitalización é un reto que pode potenciar as fortalezas do pequeno comercio, como son a proximidade, o trato personalizado e a calidade.
Neste contexto, a Xunta está a mobilizar este ano máis de 4 millóns de euros na dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais para a implantación de solucións que permitan os beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral de locais.
Así, cuns apoios públicos de 1,5 millóns de euros, beneficiaranse destas axudas un total de 471 comercios e obradoiros artesanais. O investimento subvencionable, segundo o tipo de apoio solicitado, pode ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda é en todos os casos do 50%.
Comerciantes e artesáns desenvolverán 313 actuacións de implantación ou actualización de páxinas web comerciais e de mellora da imaxe en liña. Así mesmo, poñeranse en marcha 63 iniciativas centradas na loxística dixital ou a implantación de packaging para venda en liña. Doutra banda, activaranse 144 proxectos de ferramentas de xestión, e modernizaranse 112 locais.
Ademais, a través desta mesma orde de axudas, máis de 100 comercios contan co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver novas fórmulas de promoción e comercialización en internet, no marco do programa de Social Commerce que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio. O obxectivo desta iniciativa é potenciar a presenza do comercio galego de proximidade nas redes sociais, impulsando a súa conexión co cliente e creando novas redes de fidelización e imaxe de marca, buscando adaptar o comercio de proximidade ás novas tendencias do mercado.
Estas axudas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.
- Te recomendamos -