Inicio Galicia A Xunta destaca á fundación Kaertor como a gran aliada para converter...

A Xunta destaca á fundación Kaertor como a gran aliada para converter Galicia nun polo de innovación en novos fármacos

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apunta que grazas á colaboración con esta entidade e coa multinacional Janssen a Comunidade é pioneira ao contar coa primeira incubadora de fármacos de España

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe no primeiro taller de traballo da Fundación Kaertor que esta entidade é a gran aliada da Xunta para converter Galicia nun polo de innovación en novos fármacos. Conde sinalou que grazas á colaboración coa Fundación e coa multinacional Jannsen, Galicia é pioneira ao contar coa primeira incubadora de fármacos de España, o que permite dar un gran paso cualitativo neste sector.

Nesta iniciativa, tal e como fixo fincapé Conde, trabállase para dar respostas globais a necesidades clínicas non cubertas. En concreto, os tres proxectos seleccionados de entre os máis de 150 recibidos nesta incubadora que ten por obxectivo achegar valor á investigación biomédica céntranse en obter novos tratamentos contra o alzhéimer, o párkinson e as enfermidades hepáticas.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria lembrou que Galicia está comprometida co impulso da biotecnoloxía, que forma parte dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) e que conta ademais cunha estratexia propia, unha tarefa compartida entre a Xunta e o ecosistema bio galego.

Conde animou ás empresas do sector a seguir apostando por Galicia, que é xa a cuarta comunidade máis bioemprendedora, tanto pola experiencia de empresas con peso no sector, como polo coñecemento e estrutura de universidades, centros tecnolóxicos e do sistema hospitalario, e o valor que achegan as fundacións e os clusters.

Na súa intervención, puxo tamén de relevo a confianza que dan casos de éxito como a propia incubadora que desenvolven Kaertor e Janssen, as cinco unidades mixtas de investigación centradas no sector e a próxima posta en marcha dunha nova aceleradora, BioIncubatech.

O taller impulsado pola Fundación Kaertor converteu Galicia durante dous días no centro do debate dos principais avances no descubrimento de fármacos, centrados nas tecnoloxías máis innovadoras e no papel da transferencia. O encontro contou coa participación de máis de 60 expertos e representantes das grandes empresas farmacéuticas.  


- Te recomendamos -