Inicio Galicia A Xunta desenvolve en Ourense un proxecto socioeducativo pioneiro con nenos e...

A Xunta desenvolve en Ourense un proxecto socioeducativo pioneiro con nenos e nenas con dano neurolóxico

0

Un grupo de 15 escolares de Primaria e Secundaria participan nesta acción que consiste no desenvolvemento de actividades que lles axuden a orientarse na súa vida diaria, a través do xogo e a creatividade

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo Gonzalez, coñeceu esta tarde de primeira man na cidade das burgas o proxecto socioeducativo Convivindo coas miñas capacidades, que está a desenvolver a Fundación NeuroBurgas co apoio económico da Consellería de Política Social. Esta iniciativa esta dirixida a escolares de Primaria e Secundaria con dano neurolóxico e na mesma participa un grupo de 15 nenos e nenas.

Durante a visita, Amparo González sinalou que este proxecto contempla actividades de reforzo escolar e para a mellora e adquisición de habilidades sociais e comunicativas dos menores. Así mesmo, destacou que unha das peculiaridades desta proposta é que crea unha estreita coordinación coa contorna directa dos nenos e nenas: a familiar, a escolar e a terapéutica.

Ao respecto, a directora xeral explicou que o obxectivo de Convivindo coas miñas capacidades “é garantir unha atención personalizada e capacitar aos nenos e nenas para unha vida autónoma e independente, participando en actividades ocupacionais adaptadas segundo as características de cada un”. Ademais, salientou “a importancia que ten camiñar ao carón dos menores con dano neurolóxico e das súas familias, e darlles a coñecer todos os servizos dispoñibles”.

Nesta liña, lembrou que a Xunta traballa na consolidación da Rede galega de atención temperá coa finalidade de que chegue aínda a máis puntos do territorio, por tratarse dun servizo fundamental na prevención e tratamento precoz de posibles trastornos de desenvolvemento durante a infancia. De feito, o novo orzamento de 2019 incrementa nun 17% o investimento nesta rede ata chegar a máis de 1,9 millóns de euros. Este aumento permitirá consolidar as 16 unidades que xa existen e que prestan servizo a 92 municipios galegos, así como poñer en marcha outras cinco novas.

A responsable de Familia tivo ocasión hoxe de participar nalgunha das actividades programadas para a xornada de hoxe no centro de NeuroBurgas, como o xogo de dianas humanas ou a realización dun mural onde os nenos expresaron a súa creatividade. Así mesmo, prepararon un listado de compra e calcularon os cartos que precisan para mercar antes de realizar unha excursión ao supermercado. A sesión finalizou cunha merenda na que degustaron os produtos que previamente adquiriron.


- Te recomendamos -