A Dirección Xeral de Inclusión Social programa esta actividade en colaboración co Sergas e o Colexio de odontólogos e estomatólogos
As Consellerías de Política Social e Sanidade están a desenvolver ao longo desta semana unhas charlas informativas sobre hábitos de hixiene e saúde nos centros sociocomunitarios da provincia de Lugo. Os centros de Vilalba e da Milagrosa acolleron esta tarde as primeiras dúas sesións, e pasadomañá xoves é a quenda dos espazos sociocomunitarios de Mondoñedo, a partir das 16,00 horas, e de Ribadeo, ás 18,30 horas.
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, xunto co director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez, asistiron esta tarde á charla que se impartiu no centro de Vilalba que estivo centrada, ao igual que o resto das charlas fixadas, na saúde bucodental e na hixiene das mans. A actividade conta coa participación de profesionais do Colexio de odontólogos e estomatólogos de Lugo, así coa xefa do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas do Sergas, Luisa Abraira García. As enfermidades das enxivas, os coidados especiais que requiren as próteses dentais ou como e cando lavarse as mans son algúns dos aspectos que se abordan nestas charlas.
O responsable das políticas autonómicas de inclusión social puxo en valor a importancia da realización deste tipo de actividades non soamente para sensibilizar sobre a importancia de ter hábitos de vida saudables, senón tamén por tratarse de espazos para a integración e a convivencia. Nesta liña, referiuse a ampla oferta de actividades que se desenvolven nos mesmos relacionadas coa promoción da saúde, o desenvolvemento de capacidades persoais, a aprendizaxe de novas tecnoloxías ou o fomento da participación social e o voluntariado.
Pola súa banda, o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez, destacou a importancia da saúde bucodental, a hixiene das mans e o fomento de estilos de vida saudables na mellora da calidade de vida da poboación. Neste senso, apuntou que aínda que a saúde bucodental non se incorpora frecuentemente como un indicador do estado xeral da saúde dunha persoa debido a que non representa unha ameaza para a vida, si é preciso ter en conta que pode chegar a ser un problema incapacitante.
Tras destacar a importancia de actividades como as que se están a desenvolver, Paz-Ares lembrou que dende Saúde Pública se adoptan estratexias para facer accesibles os programas de promoción e prevención que cumpren co obxectivo de levar saúde á poboación dende idades temperás, promovendo unha cultura de auto-coidado e de prevención de enfermidades.
Na actualidade a Xunta conta con 44 centros deste tipo, dos cales 4 se atopan situados na provincia de Lugo, 16 na de Pontevedra, 13 na da Coruña, 11 na provincia ourensá.
- Te recomendamos -