A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou esta mañá esta iniciativa elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, de acceso público a través do visor xeográfico do portal de información xeográfica da Xunta
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de presentar a iniciativa Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico que comprende case 4.500 quilómetros de percorridos organizados en catro tipos distintos de sendas.
Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a presentación deste proxecto elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio, que inclúe 56 etapas na Senda dos Faro, 109 itinerarios con valores naturais, 76 camiños con valores patrimoniais e 25 rutas con valor panorámico.
Esta información está accesible -para consulta e descarga- no visor xeográfico a través do portal de información xeográfica da Xunta de Galicia, e tamén se inclúe unha ficha detallada para cada itinerario, con datos sobre o lugar de inicio e chegada da ruta, a lonxitude do trazado, a pendente media e os elementos de interese que se atopan no seu percorrido, así como un mapa, un perfil topográfico e unha descrición dos valores naturais, culturais e estéticos do itinerario.
A conselleira destacou que coa posta en marcha desta iniciativa dáse resposta aos compromisos establecidos nas Directrices de Ordenación do Territorio e por outra á Estratexia da Paisaxe Galega, dentro da súa planificación 2017-2020. Así, manifestou que é unha responsabilidade do Goberno preservar, xestionar, protexer e poñer en valor a paisaxe, polo que se pensou no deseño dunha rede baixo criterios técnicos para aproveitar a densa rede viaria e de sendeiros xa existente.
Nese sentido, a Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico presentada hoxe recolle catro tipos de itinerarios, ente os que destaca a Senda dos Faros. Segundo explicou a conselleira, trátase dunha estratexia deseñada dentro do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, que agora se concretar no trazado específico dun percorrido.
Para o deseño desta senda litoral tívose en conta os elementos necesarios para a navegación mariña, polo que no só se identificaron os faros, senón tamén torres, balizas, elementos xeográficos e outras construcións. Trátase dun percorrido orixinal de 1.315 km que se divide en 56 etapas, das cales tres son insulares.
Itinerarios con valores naturais, patrimoniais e panorámicosNesta rede aglutínanse os tres tipos de itinerarios que reflicten os valores paisaxísticos que recolle o Catálogo das Paisaxes de Galicia: naturais ou ecolóxicos, culturais ou patrimoniais e estéticos e panorámicos.
Así, entre os primeiros, destacan máis de 130 itinerarios que suman 1.400 km -sen contar os que coinciden dentro do grupo da Senda dos Faros- e para a súa identificación tívose en conta a existencia de Áreas de Especial Interese Paisaxístico, zonas de especial protección dos valores naturais, árbores e formacións senlleiras, áreas recreativas, lugares de interese xeolóxico e miradoiros. Os segundos son os itinerarios asociados aos valores culturais ou patrimoniais, que constitúen un total de 76 itinerarios ao longo de 707 km, dos cales 292 km (38 itinerarios) están vinculados a elementos declarados Ben de Interese Cultural, e outros 415 km (38 itinerarios) a unha elevada densidade de bens do patrimonio cultural.
Por último, tamén se definen máis de 1.000 km das rutas identificadas por Turismo de Galicia na publicación Escenarios ao volante. 25 rutas insólitas polas mellores paisaxes, que están directamente relacionadas cos valores estéticos e panorámicos definidos no Catálogo das paisaxes. A diferenza dos dous tipos de itinerarios anteriores, estas rutas discorren polas estradas e poden ser percorridas en automóbil.
Xúntase mapa cos itinerarios paisaxísticos e no seguinte enlace pódese descargar un vídeo resumo.
- Te recomendamos -