A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asistiu hoxe á inauguración dunha nova oficina da Fundación Amigos de Galicia en Vilagarcía onde se ofrece asesoramento laboral en colaboración co Servizo Público de Emprego de Galicia
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asistiu hoxe á inauguración da nova oficina da Fundación Amigos de Galicia en Vilagarcía –na rúa Matosinhos, 2-, unhas instalacións nas que xa están traballando, entre outros, tres técnicos de emprego que están a ofrecer servizos orientados a incrementar as oportunidades laborais dos usuarios, en colaboración cos concellos e o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). De feito, refórzase o servizo de orientación laboral que actuará a partir de agora como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia.
Toca defendeu que a formación adaptada ás necesidades do tecido empresarial é un piar fundamental para acadar un emprego inclusivo, sinalando que a Xunta traballa neste ámbito para avanzar no camiño da inclusión na sociedade de todas os galegos e galegas, sen excepción. Neste senso, apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está primando a creación de postos de traballo dos que máis o precisan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo.
Indicou, ao respecto, a importancia de adecuar os perfís profesionais ás demandas dos sectores estratéxicos e emerxentes de Galicia garantindo que as súas habilidades e competencias estean aliñados coas necesidades das compañías. En palabras de Toca, o reto para a Xunta neste ámbito é impulsar a formación entre as persoas que máis o precisen promovendo, ademais, a súa contratación nas empresas galegas.
Deste xeito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axenda 20, activou este ano axudas por importe de 1,8 millóns de euros para promover a contratación das persoas con máis dificultades para atopar un emprego nas entidades sen ánimo de lucro, como é o caso da Fundación Amigos de Galicia.
Esta iniciativa autonómica ofrece ás persoas con máis dificultades para atopar un traballo unha experiencia e práctica profesional durante 9 meses a tempo completo para facilitar a súa posterior inserción no mercado laboral. Estímase que este ano a axuda media por entidade será de 64.800 euros, o que supón máis do dobre que na convocatoria anterior.
Esta liña de axudas permitiu nas dúas últimas edicións a contratación de 955 persoas sen emprego en 513 entidades sen ánimo de lucro.
Este programa dá continuidade ás políticas activas de emprego dirixidas a favorecer a calidade do mercado laboral. A actuación, ademais, complementa ás axudas de cooperación para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil.
Toca rematou a súa intervención sinalando que o Goberno galego traballa polo emprego inclusivo procurando unha maior achega do emprendemento das persoas en situación de vulnerabilidade reforzando as súas capacidades e habilidades e ofrecéndolles novas oportunidades laborais.
Por último, apelou á colaboración de todos os axentes implicados na inclusión laboral dos que máis o precisan como son as administracións públicas, as entidades privadas e as empresas.
- Te recomendamos -