O responsable da área Social do Goberno galego, que representou nesta xuntanza ao resto das comunidades autónomas, destacou a importancia dos programas e accións que dan prioridade á educación non formal para mellorar a empregabilidade da mocidade e facilitar a transición ao mercado laboral
O conselleiro de Política Social, Jose Manuel Rey Varela, defendeu hoxe en Bruxelas a necesidade de seguir impulsando políticas públicas de xuventude que aposten pola educación non formal, a participación, o emprego e a iniciativa emprendedora. O responsable da área social do Goberno galego, en representación das Comunidades Autónomas, participou na xuntanza do Consello da Unión Europea de Educación, Xuventude, Cultura e Deporte, que reúne aos responsable ministeriais destes ámbitos de todos os Estados membros.
Na súa intervención, Rey Varela fixou o emprego como unha das prioridades chave das políticas xuvenís e defendeu a importancia da educación non formal para mellorar a empregabilidade deste colectivo e facilitar a transición desde a formación, a inactividade ou o desemprego ao mercado laboral. “A educación non formal é unha medida innovadora para mellorar as competencias e capacidades da xente nova e como complemento na súa traxectoria persoal e formativa”, apuntou.
Ademais, o conselleiro fixou como outro dos focos prioritarios en materia de xuventude o fomento de experiencias profesionais e persoais noutros países como elemento positivo que contribúe á mellora en competencias e habilidades, incrementando as posibilidades de inserción laboral e dotando de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial do país de orixe. Neste ámbito de actuación salientou a alta participación da comunidade galega en programas como Erasmus+, así como da iniciativa de mobilidade transnacional xuvenil da Xunta de Galicia denominado Galeuropa. Así mesmo, o titular de Política Social avogou pola implicación da mocidade nas políticas que lle afectan mediante un diálogo estruturado e continuo entre responsables políticos, os mozos e mozas e as organizacións xuvenís, co obxectivo de artellar unha política de xuventude “máis eficaz, coordinada e consensuada, que define recursos e medidas efectivas e modernas para favorecer a creación de oportunidades para toda a xente nova”. Ao respecto, engadiu que o diálogo “é unha ferramenta que reforza o papel da mocidade como axentes activos na construción dunha Europa unida, harmoniosa e cohesionada”.
Por último, no marco deste encontro do consello europeo tamén se abordou o papel fundamental da xuventude ante o reto demográfico que ten o conxunto de Europa e fronte o que cómpre impulsar medidas que contribúan ao desenvolvemento persoal deste colectivo en todos os ámbitos: o familiar, o social e o profesional.
Fundación Galicia EuropaAdemais de intervir na reunión do Consello Europeo de Xuventude, Rey Varela aproveitou a súa viaxe a Bruxelas para presentar na sede da Fundación Galicia Europa o libro ‘Educación non formal e empregabilidade da xuventude”, realizado polo equipo investigador do Grupo Esculca da Universidade de Santiago de Compostela a través dun convenio de colaboración coa actual Consellería de Política Social. Neste estudo o catedrático Miguel Santos Rego, a profesora Mar Lorenzo e a pedagoga Ana Vázquez Rodríguez constatan o éxito dos programas Galeuropa, Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil na mellora das competencias, habilidades e destrezas dos mozos e mozas participantes.
O conselleiro subliñou que en Galicia levouse a cabo unha renovación completa das políticas de xuventude nos últimos anos, pasando de accións baseadas fundamentalmente na xestión do ocio e o tempo libre ao desenvolvemento de programas e intervencións nos que prima a adquisición de novas competencias xuvenís a través da educación non formal.
Neste sentido, explicou que a participación xuvenil nestas accións inciden en aspectos que se relacionan coa empregabilidade como a motivación para buscar emprego dunha forma máis activa e a ampliación da rede de contactos, así como o desenvolvemento de actitudes como a responsabilidade, a comunicación, o sentido da iniciativa ou a autoconfianza.
Participación de Galicia no Consello de XuventudeEsta é a terceira vez que a Comunidade Autónoma de Galicia coordina a participación autonómica na parte de xuventude do Consello da Unión Europea. Tras participar nas reunións técnicas dende xaneiro, coincidindo coa Presidencia búlgara da UE, o conselleiro puido hoxe intervir xunto co director xeral do Instituto Nacional de la Juventud (INJUVE), Javier Dorado, grazas a un documento de posición consensuado co resto de CCAA e co propio INJUVE. Ademais de examinar as prioridades futuras da política de xuventude da UE, os ministros adoptaron dous documentos con conclusións sobre o papel que desempeñan os mozos para facer fronte aos desafíos demográficos da UE e para construír unha sociedade equilibrada, cohesionada e segura.
- Te recomendamos -