Das 27 solicitudes presentadas xa se resolveron 9, das que 4 corresponden a alugueiro e 5 a danos nas edificacións
A Xunta de Galicia xa concedeu as primeiras nove axudas a afectados pola explosión de material pirotécnico rexistrada en Paramos (Tui) e traballa con dilixencia para atender no menor tempo posible as restantes 18 solicitudes presentadas ata o momento.
Das nove solicitudes xa atendidas, catro corresponden a axudas ao alugueiro e cinco a axudas para a rehabilitación de vivenda.
Con carácter xeral, o Instittuto Galego da Vivenda e Solo está resolvendo as solicitudes no prazo dunha semana dende a súa presentación. No caso das axudas por danos nas vivendas cabe salientar que máis da metade das 15 solicitudes foron presentadas a partir do día 15 de xuño e cinco delas onte mesmo, 20 de xuño.
As catro axudas para alugueiro resoltas inclúen o pago do alugueiro da vivenda arrendada, ademais dunha axuda para o pago de gastos de contrato. Nos catro casos ordenouse hoxe mesmo o pago da primeira mensualidade do alugueiro, correspondente ao mes de xuño.
Polo que respecta ás cinco axudas para danos en edificacións, catro corresponden a vivendas habituais e unha a vivenda ocasional.
Tal como establece a Orde de convocatoria as axudas da Xunta poden chegar a cubrir a totalidade dos danos causados pola explosión e ao mesmo tempo son compatibles coas que se poidan percibir do estado, o concello e calquera outro organismo, ademais das indemnizacións pagadas polos seguros.
Por outra parte, o importe de axudas establecidas pola Xunta de Galicia, que chegan aos 126.000 euros por vivendas, son moi superiores ás establecidas tanto polo concello como polo Goberno de España e mesmo as multiplican varias veces.
As axudas de rehabilitación cobren todos os gastos que xa se teñan realizado así como calquera tipo de honorarios de técnicos que sexan necesarios. Os interesados poderán solicitar o pagamento da axuda por anticipando, de maneira que non teñan que incorrer en ningún gasto.
DocumentaciónA documentación que os solicitantes deben acompañar á solicitude das axudas establecidas pola Xunta é moi sinxela, aparte de que as axudas non están vinculadas aos ingresos da unidade familiar.
No caso das axudas para alugueiro basta con presentar copia do contrato, ademais da solicitude.
Para as axudas de danos nas vivendas, ademais da solicitude, basta con achegar unha memoria valorada dos danos e a documentación que acredite a titularidade da vivendas.
Apoio na tramitación de axudasPara facilitar a presentación de solicitudes e os trámites que teñen que facer os afectados, o Instituto Galego da Vivenda e Solo mantén un equipo de persoas traballando a diario en Tui, atendendo aos afectados pola explosión por unha parte e realizando inspeccións nas vivendas afectadas por outra.
Os técnicos do IGVS que están traballando a diario en Paramos xa realizaron 110 visitas de inspección a edificacións afectadas pola explosión, para acreditar os danos causados en cada unha das edificacións.
Polo tanto, a Xunta de Galicia está actuando coa máxima dilixencia na tramitación das axudas solicitadas. Durante os primeiros días foron atendidas consultas de unha gran cantidade de persoas que ata o momento non presentaron as súas solicitudes. No momento en que as presenten serán resoltas coa máxima urxencia, de tal xeito que os afectados poidan iniciar as actuación para recuperar as súas vivendas no prazo máis breve posible.
- Te recomendamos -