Inicio Galicia A Xunta de Galicia reforza a atención ás persoas maiores do concello...

A Xunta de Galicia reforza a atención ás persoas maiores do concello de Negreira co impulso dos coidados a domicilio

0

Habilitáronse un 65% máis de horas dispoñibles de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes, o que eleva a ratio de cobertura nesta localidade por riba do 92%


O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continúa afondando no diálogo permanente cos rexedores e rexedoras dos municipios galegos co gallo de afianzar a colaboración entre administracións no ámbito dos servizos sociais. Así, esta mañá entrevistouse co alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, con quen repasou os recursos e programas que a Xunta desenvolve nesta localidade coruñesa e que teñen como destinatarios as familias, as persoas maiores e a xente nova.

No que atinxe aos programas dirixidos ao colectivo da terceira idade, o conselleiro salientou que desde o ano 2015 ata a actualidade impulsouse o coidado no domicilio co reforzo en máis dun 65% das horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) postas a disposición da corporación local. Esta suba, que supón un incremento de máis de 5.000 horas anuais e sitúan a Negreira cun total de 12.720 horas de SAF habilitadas, fai posible que a ratio de atención a persoas con dependencia a través deste recurso se sitúe neste concello por riba do 92%.

Así mesmo e neste mesmo ámbito da atención a maiores nos seus fogares, Rey Varela apuntou que Negreira é un dos máis de 160 concellos da Comunidade que están adheridos ao programa ‘Xantar na casa’, garantindo así unha atención equilibrada e de calidade ás persoas usuarias e que tamén é moi importante para detectar situacións de necesidade ou emerxencia que doutro xeito serían difíciles de coñecer. O titular de Política Social apuntou que esta localidade coruñesa dispón de prazas baleiras neste servizo no que participan a Xunta e o ente municipal, polo que é posible ampliar o número de persoas beneficiarias do mesmo ata un máximo de 25 usuarios.

Por outra banda, o conselleiro expuxo que a Xunta ten concertadas as 16 prazas que oferta o centro ocupacional que depende da fundación para a protección de discapacitados psíquicos de Negreira. O departamento autonómico destina a este concerto algo máis de 107.000 euros ao ano. Ademais, no eixo da discapacidade, destacou a construción de vestiarios adaptados no pavillón polideportivo do colexio público O Couto, sendo a achega pública para esta obra de 45.000 euros con cargo á primeira convocatoria da orde de accesibilidade 2016-2017.

En materia de familia e infancia, o responsable da área social do Goberno galego relatou os investimentos de mellora realizados na escola municipal de Negreira e financiados pola Xunta. Neste centro, que dá servizo a 70 familias, Política Social investiu o exercicio pasado preto de 63.000 euros, dos cales algo máis de 27.800 destináronse a sufragar actuacións de adecuación e accesibilidade do equipamento, e os 35.000 restantes correspóndense coa axuda anual que a Xunta concede para o mantemento de centros de atención á infancia de 0 a 3 anos dependentes das corporacións locais.

Finalmente, Rey Varela e o primeiro edil acordaron que continuarán estudando posibles novas vías de colaboración entre as dúas administracións, co fin de mellorar os servizos e equipamentos de atención aos cidadáns en Negreira, e así conseguir unhas mellores e máis eficaces políticas sociais.


- Te recomendamos -