O obxectivo desta iniciativa é reflexionar sobre a combinación de emprendemento e diversión, fomentando a superación persoal por medio de dinámicas baseadas no uso do skate
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, participou no encontro sectorial ‘O emprendemento a través da cultura urbana e o skate’, que ten lugar no Espazo Xove do municipio coruñés de Carballo. Este foro reúne a mozos e mozas e a distintos actores do territorio co propósito de establecer unha dinámica de diálogo e coñecemento mutuo nesta temática.
Así pois, o obxectivo desta iniciativa é reflexionar sobre a combinación de emprendemento e diversión, fomentando a superación persoal a través de dinámicas baseadas no uso do skate. Para iso, o programa do encontro inclúe actividades teóricas relacionadas co emprendemento dende o skate e accións prácticas nas que a xente nova participante poderán realizar dinámicas sobre este deporte.
Cecilia Vázquez explicou que o motivo de usar o skate como elemento central das dinámicas desta iniciativa “reside no interese recente deste deporte ao converterse en olímpico en Tokio 2020 e moi especialmente polos valores que representa: compañeirismo, respecto, creatividade, esforzo, superación, curiosidade; ao tempo que vemos como as novas xeracións están tomando posicións cara novos modelos de emprendemento xuvenil”. Nesta liña, engadiu que “as ideas e proxectos innovadores da xuventude impulsan a nosa competitividade, polo que debemos incidir no fomento do espírito emprendedor como método de aproveitamento do enorme talento que atesoura a nosa xuventude”.
Ademais, a directora xeral manifestou que “este tipo de iniciativas impulsan a relación e integración da xuventude na realidade económica do territorio, reforzando o coñecemento do marco local da vida dos mozos e mozas; propician o achegamento da xente nova á realidade do tecido empresarial galego; promoven o coñecemento e valorización dos recursos e potencialidades que ofrece o territorio; e ofrecen unha ferramenta para que os mozos e mozas adquiran coñecementos que axuden ao seu desenvolvemento persoal e profesional”.
Estes encontros sectoriais enmárcanse no proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo’ (acrónimo Lidera), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (Poctep). Así mesmo, dentro da iniciativa ‘Lidera’ forma parte da actividade ‘Crece’, que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede, no que se involucren os distintos actores e reactivos do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto.
Cecilia Vázquez lembrou que o Espazo Xove de Carballo ao abeiro do referido programa LIDERA tamén é un Espazo Emprende onde os mozos e mozas poderán impulsar os seus proxectos de emprendemento a través do coworking. Nestas instalacións, os usuarios disporán tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas.
Proxecto LideraO proxecto ‘Lidera’ ten como finalidade promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros e unha duración de catro anos (2016-2019).
Son socios desta intervención, A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; a Fundación Galicia Europa; a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela; a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega); o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
- Te recomendamos -