A iniciativa abre as portas da Universidade a persoas de 50 anos ou máis que non tiveron esta oportunidade durante a súa mocidade ou queren ampliar coñecementos
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou esta tarde a “aposta da Xunta pola participación activa dos galegos e galegas de máis idade en todos os ámbitos, tamén o académico”. Fíxoo durante a clausura do programa universitario de maiores Camiños de coñecemento e experiencia, na que se entregaron os certificados de diplomados sénior á nova promoción de estudantes de 50 anos ou máis que participaron nesta iniciativa financiada pola Consellería de Política Social.
Na súa intervención, Ildefonso de la Campa subliñou a importancia deste programa que permite formar e ampliar coñecementos, “abrindo as portas da Universidade a persoas que non tiveron esta oportunidade na súa mocidade”. Ao respecto, felicitou a estes novos diplomados universitarios, que considerou “un exemplo para as novas xeracións de estudantes ao demostrar que o interese por aprender, por entender o mundo que nos rodea e por saber máis non entende de idades”.
O director xeral enmarcou a colaboración entre a Xunta e as universidades galegas para a formación de adultos no “compromiso en seguir avanzando por unha Galicia máis acolledora para os nosos maiores”. Nesta liña, indicou que o Goberno galego seguirá a traballar na mellora do benestar das persoas de máis idade poñendo ao seu alcance os servizos públicos e de calidade que precisan e fomentando a súa participación no día a día da sociedade
- Te recomendamos -